
Ourense | O delegado da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, visitou esta mañá as instalacións da sede da Unidade da Policía Nacional Adscrita á Comunidade Autónoma en Ourense para comprobar as melloras levadas a cabo na comisaría coa finalidade de adaptada ás funcións e competencias desta unidade policial.
Acompañado dos responsables policiais, o delegado da Xunta percorreu as distintas dependencias do edificio para posteriormente manter unha reunión cos funcionarios aos que lle ofreceu o seu apoio e destacou o imprescindible traballo da Policía Autonómica no eido da prevención e a investigación de incendios forestais, o furtivismo e o marisqueo ilegal, así como a protección do medio natural, das rutas xacobeas, das vítimas de violencia de xénero e dos menores, entre outros.
Manuel Pardo incidiu no agradecemento aos membros da Policía Autonómica en Ourense pola dedicación, vocación de servizo público e coraxe que demostran no seu día a día. “Agradecervos, en definitiva que representedes con honradez e dignidade a Galicia alí onde actuades”
O delegado da Xunta expresou tamén o orgullo que supón para Galicia contar cunha Unidade de Policía Adscrita, cuxa atención constante aos diversos eidos da súa competencia é garante de prevención e de protección tanto das persoas como do patrimonio individual e colectivo.
As actuacións máis salientables que acometeron consistiron na creación dun espazo adaptado para arquivo; a instalación da tarima do salón de actos en mal estado como consecuencia dos danos sufridos por filtracións de auga e o subministro e instalación de luminarias LED, iniciando a intervención na planta baixa para acadar unha mellora inmediata nas condicións de iluminación e aforro enerxético e optimizar a eficiencia das instalacións.




