• Segue conectado
  • |

A Santa Alianza.

Cadernos da viaxe.

Semella que son millóns os cidadáns españois que prefiren o pluralismo á hexemonía e explorar a cultura do compromiso, tan allea á historia de Castela e tan presente noutras mentalidades ibéricas, como a galega, a portuguesa, a vasca ou a catalá.

Fronte a esta temperatura social, a opinión publicada en Madrid, á destra e á sinistra e os que mandan no capitalismo castizo de amiguetes, na economìa regulada (grandes bancos, distribución eléctrica, grandes complexos construtores-concesionais) chaman por unha santa alianza constitucionalista, pola reedición do pacto dinástico entre PP e PSOE, ampliado agora ao comodín de Ciudadanos. Un goberno de ampla base parlamentaria para enfrontar “las reformas pendientes”.

E resulta que as reformas pendentes son as que posibiliten completar a mutación constitucional desenvolvida nos últimos anos. Sacralizar a estabilidade orzamentaria e os recurtes e recentralizar o Estado, limitando aínda máis a autonomía do noso País e suprimindo practicamente a autonomía local. Recentralizar para anular os poderes locais e territoriais, próximos á cidadanía e deste xeito, posibilitar a privatizaciòn de amplas àreas da acción pública dende unha perspectiva centralista, a prol das grandes empresas concesionais españolas, alicerces dese capitalismo castizo de amiguetes, e en claro prexuizo dos emprendedores galegos. Madrid como factótum dunha España única, cunha única lingua, cultura e clase dirixente.

O PSOE historicamente mercoulle á dereita este discurso. Velaí a redución das prestacións por desemprego (Felipe González, 1992) ou o golpe de temón austerizante de Zapatero en maio de 2010. Velaí como todos os ex do felipismo, dende Rubalcaba ou Corcuera até Ybarra ou o propio González, defenden os intereses desta santa alianza, coa mesma fachenda coa que defenden os intereses desas eléctricas coas que xogan ás portas xiratorias.

Nesta conxuntura, enténdese a xogada de Pedro Sánchez na xunta do sábado 30 do máximo órgano socialista entre congresos. Consciente que pactar a santa alianza afástao da meirande parte do seu electorado e condena PSOE á irrelevancia no medio prazo, someterá a proposta de pacto á que chegue con outras forzas progresistas ao plebiscito da afiliación, que gañará sen atranco . Porque a meirande parte da afiliación socialista son xente do común que vive e pensa como tal.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 28 Feb 2016.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies