
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de licitación do último tramo da Ronda Este de Ourense que culmina a gran transformación da mobilidade ourensá, cualificou Menor.
Este proxecto, cun investimento de 13 millóns de euros, supón o impulso definitivo para desbloquear unha infraestrutura estratéxica, que amosa o firme compromiso e a implicación da Xunta coa cidade e con esta provincia, cun proxecto que “beneficiará á metade da poboación da provincia de Ourense, é dicir, investindo no 50% dos nosos habitantes”, dixo Menor.
Luís Menor quixo poñer de manifesto a verdadeira grandeza e magnitude duns traballos que marcarán un antes e un despois na vertebración da contorna, xa que este proxecto mellorará a calidade de vida, a seguridade viaria e a competitividade económica de Ourense. A Ronda Este está deseñada para conectar de xeito fluído zonas estratéxicas e de alta densidade como o complexo hospitalario, o campus universitario e os principais accesos á cidade, o que permitirá aliviar notablemente o tráfico rodado no centro urbano e reducir os tempos de desprazamento de miles de usuarios diarios.
Outros compromisos da Xunta con Ourense
Menor destacou que a Xunta “volve demostrar con feitos, con orzamentos e con realidades que Ourense é unha prioridade absoluta”, engadindo que este tipo de proxectos de gran envergadura son os motores necesarios para que a provincia siga medrando, atraendo investimentos e consolidándose como un territorio competitivo e atractivo para vivir e traballar.
Neste sentido, o presidente provincial dixo que nos vindeiros días comezarán as obras de ampliación do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, “máis de 300.000 metros, o máis grande de Galicia, que virá a sumar emprego industrial e de calidade”. Así como en materia turística, inaugurarase as últimas fases do Parque Acuático de Monterrei, “unha infraestrutura de primeira orde”, salientou o presidente da Deputación.
Menor dixo que a Xunta demostra esa “discriminación positiva” cara esta provincia destacando algúns dos investimentos realizados en materia de infraestruturas e comunicacións con proxectos clave as melloras nas estradas OU-540 (Celanova-Bande) e OU-533 (A Gudiña-Viana do Bolo), ou a aposta por unha mobilidade máis sostible co Plan de Sendas.
Un compromiso que lembrou, é extensible a ámbitos tan necesarios como a vivenda, coa construción de 64 vivendas públicas en Cambedo de Raia e o desenvolvemento de solo para 1.400 vivendas protexidas no Vinteún. Ademais, no eido social, ten a alianza entre a Xunta, a Deputación e os concellos permite crear máis de 400 prazas públicas de maiores en 16 municipios ourensáns, así como a colaboración público-privada que dotará á cidade dunha nova residencia, convertendo así a provincia de Ourense na “mellor preparada para envellecer de todo o Estado”, sinalou Menor.




