A Ribeira Sacra non será este ano Patrimonio da Humanidade

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) aconsellara non inscribila

Ourense | A Unesco decidiu este luns día 27 de xullo devolver a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, co fin de que as autoridades españolas reformulen a xustificación desta inscrición baixo os criterios necesarios. O Comité de Patrimonio Mundial da organización da ONU para a Educación, Ciencia e Cultura tomou esta decisión durante a asemblea anual que se está celebrando na cidade de Busán, (Corea do Sur) despois de que dous terzos dos membros acabasen decantándose por esta opción tras tres horas de debate.

A avaliación estaba programada para a sesión matutina da asemblea, pero a candidatura dividiu ao comité ao xerar un intenso debate que obrigou a pospoñer a decisión á sesión da tarde para levar a cabo consultas internas para buscar un punto en común. O texto adoptado finalmente pide a España presentar con maior detalle os atributos do ben en cuestión, continuar a documentación dos elementos hidráulicos e desenvolver a presentación da evolución histórica da paisaxe.

O documento solicita que España invite a unha misión de asesoría para apoiar o traballo sobre información adicional antes da revisión da candidatura, de conformidade coas directrices operativas. A división do comité tivo lugar despois de que o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), asesor oficial do organismo, aconsellase non inscribir á Ribeira Sacra galega por non ver exemplo sobresaliente dun asentamento humano tradicional e considerar que non cumpre de forma suficiente cos criterios de integridade e autenticidade.

A Ribeira Sacra, único lugar de España que aspiraba a converterse en Patrimonio da Humanidade este ano, comprende as ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño, localizadas no sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018.

Do 19 ao 29 de xullo de 2026, a República de Corea acolleu en Busan a 48ª reunión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO. Os 21 membros do Comité do Patrimonio Mundial, elixidos entre os 196 Estados parte, exercen unha responsabilidade fundamental no marco da Convención do Patrimonio Mundial, xa que determinan que novos sitios deben inscribirse na Lista do Patrimonio Mundial e supervisan a conservación dos sitios xa rexistrados.

Luís Menor agradece ao Goberno a defensa da candidatura da Ribeira Sacra
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, expresou hoxe a súa confianza en que o próximo ano a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

Menor tivo palabras de agradecemento para o embaixador de España ante a Unesco, Miguel Iceta, pola defensa que realizou dunha candidatura “que demostra a forza que ten o traballo conxunto”, o da Xunta de Galicia impulsando este proxecto, as deputacións de Ourense e Lugo apoiando con firmeza, e os representantes do Goberno ante a Unesco defendendo o potencial “dun dos enclaves naturais, culturais e patrimoniais máis importantes de Galicia”.

A partir deste momento “toca traballar”, engadiu o presidente da Deputación ourensá, subliñando que este “pequeno retraso” cómpre tomalo como un unha oportunidade para demostrar que temos unha candidatura sólida para seguir optando a Patrimonio da Humanidade.

O importante, puntualizou, “é que non temos que principiar de novo a candidatura, senón mellorala e consolidala”, polo que animou a todos os implicados a traballar “polo recoñecemento deste tesouro”

Alcalde de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé, considera que “case estamos de noraboa” ao coñecer o ditame do Comité de Patrimonio Mundial da organización da UNESCO sobre a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Tomé, destacou a nova oportunidade que se abre para declarar a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade, coa concesión dun ano mais para perfeccionar a candidatura, en resposta á petición de máis información da UNESCO. “Supón unha gran noticia para toda a Ribeira Sacra que o Comité de Estados rexeitase o veto técnico e decidira pedir a España mais información e enviar unha misión consultiva sobre o terreo,” manifestou.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.