A RAG recolle nun volume a onomástica do Camiño de Santiago

Recompila os traballos presentados na VI Xornada de Onomástica Galega

A Coruña | Os nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago son os protagonistas do último libro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, dispoñible xa en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal.

O volume recompila as achegas presentadas no Museo de Pontevedra, no marco da VI Xornada de Onomástica Galega, por dez especialistas que afondaron na toponimia das rutas xacobeas e na pegada do haxiónimo Santiago nos nomes de lugar, nos propios e mais nos apelidos, cadrando coa celebración do Ano Santo Compostelán.

A edición correu ao cargo da académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadoras das xornadas de onomásticas que a RAG celebra dende 2016 coa colaboración do Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. Estudos de Onomástica Galega VI.

A onomástica e o Camiño de Santiago arrinca co percorrido de Anselmo López Carreira, historiador da Galicia medieval, sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España ao longo da Idade Media.

O filólogo José María Anguita presenta deseguido un minucioso estudo que permite recoñecer as formas que designan algunhas cidades hispanas conquistadas por Carlomagno recollidas nun dos libros do Códice Calixtino, o Pseudo-Turpín, e achega argumentos que reforzan a teoría do académico electo Gonzalo Navaza que propón que a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria. Sandra Beis examina a fértil descendencia de Iacobus en nomes, apelidos e topónimos peninsulares e Pilar Cagiao, especialista en historia de América, segue a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana desde as viaxes de Colón.

No apartado das experiencias didácticas, Mª Carmen Linares e Luciano Fernández Martínez presentan dous proxectos desenvolvidos no CEIP Agro do Muíño e do IES do Milladoiro, no Concello de Ames, por onde discorre o Camiño Portugués, o de Fisterra-Muxía e mais un terceiro que se pretende revitalizar, o da Ría de Muros-Noia.

O volume remata coas intervencións e o debate da mesa redonda sobre os nomes de lugares no Camiño que lle puxo o ramo á xornada, na que se quixo tratar a toponimia das rutas xacobeas como elo vertebrador dos estudos toponímicos en Europa.

Para isto contouse coa participación da antropóloga Cristina Sánchez-Carretero, especialista en xestión do patrimonio; Eduardo López Pereira, doutor en Filoloxía Clásica e membro da Academia Xacobea; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e o académico electo Gonzalo Navaza. As gravacións audiovisuais de todas as intervencións están dispoñibles na sección de comunicación de academia.gal.

Outros artigos