A RAG inaugura o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago

Este mércores 21 na Coruña coa pegada xacobea nos nomes de lugar

A Coruña |  A Real Academia Galega inaugura este mércores, 21 de setembro (9:30 horas), o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, unha cita que reunirá na Facultade Filoloxía da Universidade de Santiago (USC) durante tres días reputados especialistas en nomes de lugar, filólogos, historiadores e xeógrafos. Alén dos aspectos lingüísticos, a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos eixes do encontro, concibido dende unha perspectiva europeísta e multidisciplinaria.

O congreso impulsará as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos neste eido relacionados coas distintas rutas xacobeas.

As sesión presenciais poderán seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG. O programa de relatorios completarase cun concerto aberto a todo o público do zanfonista Germán Díaz, acompañado no clarinete baixo por Pablo Pascual. O espectáculo, titulado A zanfona e o Camiño de Santiago, terá lugar o xoves 22 de setembro (19:30 horas) no salón de actos da Facultade de Filoloxía da USC.

Inauguración
A Real Academia Galega organiza do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica (AGON) e a USC, e co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O encontro será inaugurado este mércores ás 9:30 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía compostelá.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a académica e coordinadora do congreso Ana Boullón; a presidenta de AGON, a tamén coordinadora do congreso e académica correspondente Luz Méndez; o reitor da USC, Antonio López; o decano de Filoloxía, Elías Torres; a secretaria do Instituto da Lingua Galega, María Álvarez de la Granja abrirán as xornadas.

Relatorios
A quenda de relatorios comezará ás 10:00 horas coa conferencia inaugural do académico electo Gonzalo Navaza. O profesor da Universidade de Vigo afondará na relación de certos topónimos coa tradición xacobea, e tamén se deterá na etimoloxía doutras palabras relacionadas co Camiño e Santiago de Compostela.

A primeira xornada, centrada no Camiño de Santiago en Galicia, contará tamén coas achegas de Carlos Búa (Universität Leipzig) sobre Callobre; Xosé Manuel Sánchez Rei (Universidade da Coruña) sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; Paula Bouzas (Universität Göttingen) sobre o Tombo de Iria como fonte de información toponímica; o académico correspondente Xosé María Lema, que falará dos topónimos do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil; o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, que falará sobre microtoponimia relacionada coas rutas xacobeas; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que abordará o compoñente lingüístico, cultural e turístico da toponimia no Camiño.

O Camiño de Santiago na Península Ibérica será o eixe das intervencións da xornada do xoves, con achegas arredor da onomástica no Camiño na área catalano-valenciana, e en Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, profesor da Universidad de Zaragoza e presidente da Academia Aragonesa de la Lengua; Carlos Rocha, investigador do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.

O programa do venres estará dedicado ao Camiño de Santiago en Europa, á cartografía e mais á historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto Geográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence; Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.

Aviso ás redaccións.- Os medios que desexen entrevistar as coordinadoras do congreso e/ou a relatores e relatoras poden contactar co departamento de comunicación da RAG no teléfono + 34 604 06 44 75.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos