A RAG e o Concello da Coruña abren as celebracións do centenario de Manuel Murguía

A partir deste 1 de febreiro coa conmemoración do seu pasamento

A Coruña | O 2 de febreiro de 1923 morría na Coruña Manuel Murguía. Unha multitude daríalle o último adeus dous días máis tarde na mesma cidade na que viviu os seus últimos anos. O cortexo fúnebre percorreu as rúas coruñesas antes de que os restos mortais do primeiro presidente da Real Academia Galega recibisen sepultura en Santo Amaro.

Alí, ao pé da súa tumba, abriranse o vindeiro martes, 1 de febreiro, os actos de conmemoración do centenario do seu pasamento. Ás 12:00 do mediodía descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña ao deseñador Pepe Barro, e posteriormente, ás 13:00 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita.

Na sesión no consistorio coruñés, o académico de número e director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, será o encargado de lembrar a figura de Manuel Murguía, o seu pensamento e o seu legado. “Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”, sitúa o historiador.

Conmemorar o centenario da súa morte, que é tamén case o centenario do seu nacemento (Murguía naceu en 1833 no veciño concello de Arteixo), significa rescatar e poñer en valor tres aspectos esenciais, explica Ramón Villares. “O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional.

E, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez”, debulla o catedrático emérito de Historia Contemporánea. “En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”, conclúe.

Xornadas Manuel Murguía
A Real Academia Galega continuará o xoves 2 de febreiro co calendario de celebracións coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, un programa que irá máis alá do seu papel como fundador da Academia. “Tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega”, engade a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, que coordina canda e o propio Ramón Villares os encontros que se desenvolverán co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

Esta última acollerá a xornada inaugural, dedicada a Murguía e as institucións; e as seguintes terán lugar os xoves 9 e 16 de febreiro en Santiago e en Padrón, na USC e na Casa da Matanza, e profundarán na idea de Galicia de Murguía e na relación entre a literatura e nación, respectivamente. Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios, poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Tras a inauguración institucional, a xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Insua. Xosé Luís Axeitos, coeditor –xunto ao gran biógrafo de Murguía, o historiador e presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro (1936 – 2021)– do epistolario do intelectual custodiado na Academia, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.

A sesión do 9 de febreiro na Universidade de Santiago contará coas achegas dos historiadores Xusto Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola. As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralle o ramo aos encontros.

Edición das cartas de Otero Pedrayo
En 1963 Rosalía de Castro convertíase na primeira homenaxeada do Día das Letras Galegas. A celebración que co tempo se convertería na gran festa da cultura galega nacera na cabeza de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), quen a presentou no pleno da Real Academia Galega nunha proposta asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Sesenta anos despois daquel comezo, don Paco é agora o protagonista.

A institución da que foi tamén presidente (1997-2001) decidiu dedicarlle o vindeiro 17 de maio cadrando con outra efeméride, o seu 110 aniversario, e celebrarao divulgando a súa figura e obra ao longo de todo o ano cunha programación que abranguerá dende as achegas máis eruditas ata unha serie documental web e unha biografía infantil teatralizada.

“Don Paco foi un intelectual prolífico. Editor, ensaísta, e crítico literario dalgunhas das primeiras obras de divulgación da literatura galega, foi un activista do galeguismo cultural incansable. Pero del Riego destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, quen presentou esta mañá a programación das Letras Galegas 2023 canda os membros da comisión executiva da RAG Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey.

Dese papel de nexo do galeguismo no tempo e no espazo queda constancia de primeira man na inxente correspondencia que don Paco mantivo cos persoeiros máis sobranceiros da cultura galega, milleiros de follas de papel que constitúen unha crónica da resistencia galeguista da posguerra de valor incalculable. Algúns destes epistolarios ou parte deles, como os que foi tecendo cos seus amigos Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero ou Xosé Neira Vilas, foron xa editados, pero quedaba aínda pendente a publicación das cartas que intercambiou con outro grande da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo, que verán por fin a luz pública nunha edición da RAG ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero, avanzou Víctor F. Freixanes.

O epistolario cruzado entre Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego, detalla a investigadora. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, valora Patricia Arias Chachero.

As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado de Francisco Fernández del Riego centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da páxina web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada.

Seguindo o camiño autoral inaugurado o ano pasado coa narradora Ledicia Costas e a escritora Blanca Millán, desta volta Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina As cousas de don Paco, un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.

A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas.

A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares presentados ao concurso Contádenos o voso Día das Letras, explica a académica, responsable desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria.

A lingua será igualmente a cerna dos contidos especiais das Letras Galegas 2023 que ofrecerá o Portal das Palabras, o espazo web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do noso léxico.

De Lourenzá a Vigo
Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol. A institución que del Riego dirixiu dende a súa fundación, “o fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60 aniversario, outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica.

Lourenzá e Vigo, Vigo e Lourenzá serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira.

A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo dedicado a del Riego de academia.gal, a páxina web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución.

A Real Academia Galega desenvolverá estas e outras iniciativas arredor da conmemoración do Ano Francisco Fernández del Riego co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, entre outras institucións e entidades públicas e privadas.

A Academia colaborará ademais, como é costume, con iniciativas diversas promovidas polo tecido asociativo, cultural e empresarial do país co gallo do Día das Letras Galegas 2023.