A Provincia de Pontevedra, mellor destino de Calidade Turística en España

Galardonada nos XII Premios Nacionais SICTED
Carmela Silva recibiu o galardón de mans do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

Madrid | A provincia de Pontevedra foi hoxe a gran protagonista na entrega dos XII Premios Nacionais SICTED ao ser escollida como o mellor destino de calidade turística de toda España, “un recoñecemento extraordinario que temos que valorar de forma moi importante”, manifestou unha emocionada Carmela Silva ao recibir o galardón, no Centro de Convenciones de Fitur, de mans do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

O Premio á Deputación e a Rías Baixas “polo o seu esforzo e traballo e polo seu compromiso en favor dos servizos turísticos e do destino en xeral, así como o impulso do proxecto dentro do territorio”, converte así a Pontevedra Provincia no único destino galego en recoller un Premio, o primeiro entre os 19 que conseguiron este ano un galardón. “Sempre tivemos claro que a calidade tiña que ser un dos nosos grandes obxectivos en materia de xestión turística do destino desta provincia e estamos a ver os froitos desta firme aposta” sinalou a presidenta da Deputación.

“É un feito excepcional, froito dun traballo colectivo co sector turístico e os concellos que, amais, se suma a que o pasado ano recibimos xa o galardón á mellor técnica de xestión SICTED de España”.

A Deputación de Pontevedra, tal e como destacou Carmela Silva, é unha das administracións máis veteranas na xestión do SICTED, “e a nosa provincia lidera no estado o número de establecementos con este distintivo de calidade. Son xa 302 e agora estamos a traballar con 350 empresas de toda a provincia e todos os subsectores relacionados co turismo, polo que este premio é un enorme recoñecemento tamén a todos eles”.

O sistema integral de calidade está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade en eidos como a sostibilidade e a dixitalización. Neste eido a Deputación está a impartir formación convencional específica e a sensibilizar ao sector para prestar un servizo óptimo, de calidade, innovador e sostible.

“Love Rías Baixas”
O palpitante corazón da provincia de Pontevedra conquistou hoxe á Feira Internacional de Turismo, FITUR, con “Love Rías Baixas”, un relato de amor sorprendente, emocional e vibrante, contado coas vivencias de 9 protagonistas de diferentes países de catro continentes que un día chegaron, namoraron do territorio e decidiron quedarse. O Auditorio de Turespaña quedouse pequeno para coñecer a campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra, que contou coa amadriñamento da Ministra de Turismo, Reyes Maroto, xunto ao Secretario de Estado, Fernando Valdés, amais do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do presidente da Deputación de Lugo, que tamén presentaron as súas campañas neste escenario.

“Love Rías Baixas” foi presentado en Fitur 2022.

Xunto a eles, alcaldes e alcaldesas e representantes do sector turístico da provincia viviron en directo a proposta provincial, que leva dous anos consecutivos gañando o Premio ao Mellor Vídeo Turístico do Mundo, galardóns aos que volve a concorrer este ano.

Coa condución inmellorable da actriz viguesa Jazmín Abuín e retransmitida por streaming, a presentación contou no escenario coa participación do enólogo chileno Diego Riós, representando ás 9 persoas protagonistas do audiovisual. O vídeo, producido pola empresa Esmerarte, mostra todo o potencial natural, cultural, paisaxístico da provincia integrado nun emocionante relato nas voces e nas historias de Kevin Weatherill, líder da banda británica Inmaculate Fools, e Virginia Gil (Aranda de Duero), representante do grupo; Juan Carlos Perret, cociñeiro peruano; Daniela Savic, ex-xogadora e adestradora de balonmán eslovena; Violeta Mi Tan, enxeñeira téxtil chinesa; Mari Hashimoto, profesora xaponesa; Saliou Ndongo, profesor de artes marciais senegalés; Kate Singer, estudante de logopedia natural de Chicago (EE UU); e o propio Diego Riós. No audiovisual, os e as protagonistas destacan, rodeados de extraordinarias paisaxes naturais da costa e o interior, por que quedaron impresionados e decidiron radicarse nas Rías Baixas. A beleza, a historia, as lendas, o rural, a gastronomía, o mar, a terra, a calidade dos viños, a tranquilidade e o trato coa xente son algúns dos motivos que citan para explicar como un día chegaron a Rías Baixas e declararon o seu amor á provincia quedándose a vivir nela.

A presidenta Carmela Silva debullou algúns deses motivos “deste namoramento colectivo coa provincia. Temos infinidade de razóns para que a xente que nos visita non queira marchar: gastronomía, paisaxe, rural, vilas mariñeiras, patrimonio, marabillosos profesionais do turismo, e a xente, que te fai sentir en casa”. A presidenta da Deputación explicou que “non hai ningún lugar con tan boa vida como as Rías Baixas” e destacou que son as propias persoas que se asentan na provincia as que o confirman.

“Contan historias reais dunha terra marabillosa onde encontrar un lugar ideal para vivir”, resaltou, para apuntar que “non hai nin unha soa frase guionizada no vídeo”. Carmela Silva convidou a todos e todas a visitar as Rías Baixas uns días, unha ponte, ou mesmo a quedarse”, e amosouse convencida de que “van vivir unha historia de amor con este territorio”. Subliñou que “a beleza das Rías Baixas e as súas xentes, as que naceron aquí e as que viñeron doutros lugares e agora son nosas, fai chorar da emoción”. Ademais mostrou o seu agradecemento á ministra Reyes Maroto por amadriñar a presentación da Deputación no  stand de Turespaña, e fíxoo extensivo ao secretario de Estado de Turismo.

No evento tamén participou o secretario do Comité de Festivais de Cine Turístico, Hugo Marcos, quen valorou o éxito das anteriores pezas promocionais da Deputación –“Fame de Experiencias” e “Sigue o teu Instinto”-, elixidas como mellores películas turísticas do mundo e cun palmarés de 24 grandes premios internacionais. De feito, Marcos referiuse á calidade dos audiovisuais da Deputación. “Mostran a autenticidade do territorio, reflexan os sabores, o que é a xente, ser galego. En Galicia todo é diferente e nas Rías Baixas percíbense todas esas características”.  Pola súa banda, o enólogo Diego Ríos salientou a calidade dos viños da Denominación de Orixe, dos que destacou que “son sumamente expresivos e complexos, con capacidade para transmitir o lugar onde son producidos, e isto namora todos os corazóns e padais a nivel mundial”.

O acto pechouse coas imaxes do vídeo “O teu Camiño”, tamén da Deputación de Pontevedra, con fermosas imaxes da paisaxe da provincia. A campaña “Love Rías Baixas” será difundida polas consejerías de Turismo de Turespaña no exterior, chegando así a internacionais como Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres.