A proba ciclista “O Gran Camiño 2024” foi presentada en Ponteareas

Percorrerá Galicia entre o 22 e o 25 de febreiro

Ponteareas | A provincia de Pontevedra acollerá o vindeiro domingo 25 de febreiro a etapa raíña do Gran Camiño, a última da terceira edición desta proba ciclista que reúne a deportistas chegados de todo o mundo, que será un grande escaparate e colocará á provincia “unha vez máis no mapa turístico e deportivo”.

A presentación desta proba en Ponteareas foi realizada pola Alcaldesa Nava Castro; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; e os ciclistas Álvaro Pino e Óscar Pereiro; e o director da proba e xerente de EMESports, Ezequiel Mosquera.

Na cita, que comezará o 22 de febreiro na Coruña e percorrerá as provincia de Lugo e Ourense antes de chegar a Pontevedra, participarán equipos como o Visma-Lease a Bike (antigo Jumbo-Visma), considerado o mellor do mundo, encabezado por Jonas Vingegaard, bicampión do Tour de Francia e gañador do Gran Camiño o pasado ano, que escolleu a proba galega para debutar na tempada 2024. Outros equipos que xa confirmaron a súa presencia son o francés Groupama-FDJ, que participará por vez primeira nesta cita, ou o Movistar Team.

A Deputación de Pontevedra colabora a través dun patrocinio deportivo dotado con 110.000 euros.