A ponteareán Cristina Fernández, número 6 nas listas do BNG

A ex Alcaldesa está nos primeiros postos da lista para as eleccións galegas

Ponteareas/BNG | A deputada e concelleira ponteareá, Cristina Fernández, ocupará o número 6 na candidatura do BNG ás vindeiras eleccións galegas. Así o aprobou nesta fin de semana a formación liderada por Ana Pontón.

Fernández Davila amosou a súa satisfacción por seguir formando parte do equipo de Ana Pontón nun posto de saída. “É unha gran responsabilidade e unha inmensa honra ser a voz das veciñas e veciños de Ponteareas e da nosa comarca, e traballar día a día para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, asegurou.

A candidata do BNG declarou que “o 18 de febreiro temos unha oportunidade histórica de abrir un tempo novo en Galiza con Ana Pontón e o BNG. Chegou o momento de gañar un futuro mellor, ofrecendo solucións aos problemas dos galegos e galegas, cun proxecto no que Ponteareas conte, gobernando para a maioría e pondo as persoas no centro da nosa acción política”.

O BNG destacou a “experiencia da actual deputada, o coñecemento da realidade local e comarcal e a súa capacidade, honestidade e honradez como garantía de que Ponteareas teña peso político no vindeiro goberno galego”. Ademais, o Bloque pon en valor “o traballo de Cristina Fernández nestes meses no Parlamento Galego, onde defendeu diversas iniciativas entre as que destacan as destinadas a mellorar a situación da sanidade e do ensino público en Ponteareas e na nosa comarca, que se atoparon en múltiples ocasións coa negativa do Partido Popular”.

Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas do Condado FANPO.

Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a primeira tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo. Entre 2021 e 2023 foi alcaldesa de Ponteareas, e nos últimos 6 meses foi deputada no Parlamento Galego.

Ana Pontón apela ao “voto do cambio”
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou no Porriño que as claves do cambio galego nas próximas eleccións do 18F pasan por concentrar o voto do cambio no BNG “porque somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.

Así o asegurou nun acto público aberto co que comezou a xira de precampaña e no que tamén participaron o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, a portavoz municipal no Porriño, Miriam Martínez, e o portavoz municipal en Mos, Gustavo Barcia.
Diante duns comicios que cualificou como os máis importantes dos últimos tempos, a líder nacionalista apelou á mobilización desa “maioría social” que quere cambio, dado que, segundo recalcou, “hai partido” e dende o Bloque “saímos a gañalo”.

Neste sentido, afondou en que o 18F só hai dúas alternativas: un goberno do PP co candidato Rueda, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor, “unha Galiza en grande”, e que, segundo subliñou, “sempre lle vou dicir a verdade aos galegos e ás galegas”.

“Nunca tivemos tan cerca a Presidencia da Xunta para transformar Galiza a mellor”, afirmou, para mostrar a continuación o seu convencemento de que “imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai una maioría social que ten fame de cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”.

Pontón avanzou o País que aspira a construír como presidenta, “unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria e que aposte pola ciencia e pola innovación” porque, segundo afondou, “queremos competir no mundo desde o coñecemento, non con salarios baixos e empregos precarios”.

“Unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria e que aposte pola ciencia e pola innovación”

“Quero ser a próxima presidenta para poñer en marcha esta Galiza posible e está na nosa man”, afirmou logo de comprometer un goberno da Xunta “que cumpra co Porriño”. Nesta liña, comprometeuse no caso de obter a confianza dos galegos e das galegas a traballar para que O Porriño teña os servizos públicos que merece, a comezar pola sanidade, dotando de máis persoal sanitario áreas tan importantes como pediatría ou incorporando novos servizos como os de fisioterapia, saúde mental e unha unidade que atenda ás persoas drogodependentes.

Así mesmo, avogou por darlle á localidade mellores infraestruturas educativas, cu novo centro para educación primaria e unha nova escola infantil, así como a mellora dos centros existentes que, segundo indicou, precisan unha reforma e actualización. “Estamos falando da educación dos nenos e nenas deste concello, e aí non se pode escatimar”, advertiu.

Nesta sentido, tamén se comprometeu a traballar para mellorar infraestruturas longamente esperadas en materia de saneamento, contaminación, medio ambiente e mobilidade. “Penso, sinceramente, que ao Porriño vaille ir moito mellor cun goberno e cunha presidenta do BNG e só lle pido á veciñanza deste concello que me dea a oportunidade de demostralo”, recalcou para concluír que no BNG “estamos preparadas e preparados para darlle a Galiza un goberno sen ataduras nin servilismos a Madrid, que se faga valer e que sexa leal unicamente aos galegos e ás galegas”.

Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, sumouse á mensaxe de ánimo cara o vindeiro 18F, o que será, asegurou, o primeiro día do cambio e dun gran futuro para Galiza. No seu discurso fixo referencia a proxectos importantes para a zona e salientou que o BNG impulsará dende a Xunta un plan de recuperación do Río Louro, incluíndo o traslado do matadoiro para crear un gran espazo público urbano e recuperar a contorna da ribeira fluvial.

Bará lembrou que dende a Louriña o BNG ten iniciado o trámite para denominar ENIL (Espazo Natural de Interese Local) o río e os seus regatos Laxes e Fonteliño, máis a Xunta ten parado o expediente, criticou. Destacou así a diferencia das políticas do Bloque en defensa do ecosistema e dos valores ecolóxicos e o “desarrollismo” que non respecta a contorna polo que aposta o PP.

O cabeza de lista de Pontevedra tamén subliñou, entre outros temas, a necesaria aposta polas infraestruturas da zona, facendo fincapé na necesidade de humanizar a A-55 para que non sexa unha navalla que corta o territorio.

Bará amosouse convencido de que este é o momento do cambio e animou a todas as persoas que aspiran a unha Galiza máis activa e con futuro a concentrar no BNG todo o voto do cambio. O BNG, salientou, é a alternativa a un Rueda caduco e gris, sen novas propostas para o país.

Pola súa banda, o portavoz do BNG en Mos, Gustavo Barcia, apuntou a necesidade de pelexar polas necesidades da veciñanza. Destacou,  neste sentido, os problemas de tráfico que sofre a vila, remarcando que a solución a ese caos non son máis áreas comerciais, como propón o PP. Tamén criticou o esquecemento dos servizos públicos na zona por parte da Xunta e a especulación no Monte Tameiga, co pelotazo urbanístico proxectado que afectará a máis de 5.000 persoas polo dano a acuíferos.  O BNG, insistiu, estará do lado da xente e da calidade de vida.

Por último, Miriam Martínez, apuntou a importancia do BNG para garantir a mellora da sanidade e o ensino na comarca, así como para permitir que Porriño sexa un lugar de oportunidades e emprendemento, coidando do potencial humano e poñendo en marcha políticas de futuro “como só sabe facer o BNG”.