A Oficina de Turismo de Tui adhírese á rede Info Rías Baixas

Asinado convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra

Tui | A Oficina de Turismo de Tui, situada dende comezos de mes no céntrico Paseo da Corredoira, vén de adherirse á rede Info Rías Baixas. Deste xeito súmase á trintena de oficinas e puntos de información que xa integran esta rede provincial.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, veñen de asinar o respectivo convenio.

Formar parte de INFO Rías Baixas permitirá á Oficina Municipal de Turismo de Tui ter acceso á intranet de Turismo Rías Baixas para o uso de plataformas de xestión, soportes e contidos informativos turísticos homoxéneos. Tamén recibirá, por parte da institución provincial, apoio técnico e coordinación, material de promoción actualizado, asesoramento e medios para obter distintivos de calidade. Grazas á sinatura deste convenio o Concello terá amais a posibilidade de acceso ás axudas convocadas para a dotación de persoal con destino á oficina.

A rede provincial INFO RIAS BAIXAS, ten por obxectivo garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada para mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

A Oficina Municipal de Turismo de Tui, no seu novo emprazamento no Paseo da Corredoira, conta cunhas instalacións máis amplas e modernas, executadas ao abeiro do proxecto Río Miño, destino navegable. A adhesión á rede Info Rías Baixas, permitirá seguir mellorando a atención turística, nun eido, o Turismo, estratéxico para a cidade de Tui.

O segundo conxunto histórico de Galicia, ser a porta do Camiño Portugués de Santiago en Galicia, contar co primeiro espazo natural protexido galego coma é o Parque Natural do Monte Aloia, un importante legado xudeu que lle permitiu formar parte da Red de Juderías de España, son só algúns do moitos atractivos que posúe a cidade.

En materia de turismo esta mesma semana tivo lugar unha reunión informativa sobre o Sistema Integral de Calidade en Destinos Turísticos, SICTED, co obxectivo de que sexan moitos máis os establecementos tudenses que poidan contar con este selo de calidade.

Contratará 17 persoas ao abeiro do Plan Concellos
O Concello de Tui vai contratar a 17 persoas a través do Plan Concellos 2022 a ao abeiro da liña 3 de Emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Os contratos serán a xornada completa por un período de 6 meses. Os/as candidatos/as deben ser persoas empadroadas en Tui, desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, co correspondente código, como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

Así contrataranse a 10 peóns de horticultura e xardinería (código: 95121019), 5 operarios de obras (código: 96011029), 1 oficial condutor (código: 84321042) e 1 auxiliar administrativo (código: 43091029).