A música deleitará este verán a Praza Maior de Ponteareas

Coa iniciativa “aPraza” impulsada polos hostaleiros e o Concello

Ponteareas | A Praza Maior de Ponteareas encherase de música en directo todos os martes deste verán ata finais de setembro grazas a “aPraza, o teu plan dos martes”, unha iniciativa promovida polos hostaleiros da Praza Maior coa colaboración do Concello de Ponteareas. O ciclo dará comezo mañá martes, 16 de xuño, ás 21:00 horas, coa actuación de Tony’s Pianno, un dúo formado pola voz de Toño López e o piano de Monano, con clásicos do pop e o soul reinventados en versións íntimas con aires de bossanova.

Esta será a primeira cita dunha programación que busca dinamizar o centro urbano, apoiar a actividade hostaleira e ofrecer alternativas de lecer para veciñanza e visitantes durante os meses de verán.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou que “esta iniciativa demostra a importancia da colaboración entre o tecido empresarial e o Concello para crear actividades que dean vida ás rúas e ás prazas. A música en directo é unha excelente ferramenta para dinamizar o comercio e a hostalaría e para converter a Praza Maior nun espazo de encontro e convivencia”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, animou á cidadanía a participar nesta proposta e subliñou que “queremos unha Ponteareas viva, con actividade cultural e social durante todo o ano. ‘aPraza’ é un exemplo perfecto de como a colaboración permite ofrecer novas experiencias e contribuír ao dinamismo económico e social do municipio”.

O Concello invita á veciñanza a desfrutar deste novo ciclo musical que converterá cada martes de verán nunha cita coa música en directo de todos os estilos (pop, rock, flok, etc) no corazón de Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.