A moda ten unha cita na Caniza

Presentado o I Certame de Moda para Novos Talentos “José Castro”

A Caniza | O Salón de Plenos da Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación do I Certame de Moda para Novos Talentos “José Castro”, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural e Artística José Castro en colaboración co Concello. José Castro, natural da Caniza, foi un dos deseñadores galegos con maior proxección internacional na década dos 90. Formado en Barcelona e recoñecido polas súas creacións vangardistas, presentou coleccións en pasarelas de referencia como Londres ou París e colaborou con importantes firmas do sector, converténdose nun referente da moda contemporánea.

No acto desta mañá participaron o Alcalde Luis Piña e membros da directiva da Asociación, entre eles a nai e tía do creador, Rosa e Araceli Rodríguez, acompañadas do deseñador Cristóbal Vidal. Durante a presentación déronse a coñecer os detalles desta primeira edición do certame, que nace co obxectivo de apoiar, promover e visibilizar o talento emerxente da moda galega.

Na súa intervención, o Alcalde agradeceu o traballo e a implicación da Asociación Cultural e Artística José Castro por impulsar esta iniciativa, destacando que “este certame non só serve para apoiar e dar oportunidades aos novos talentos da moda galega, senón tamén para manter vivo e dar voz ao legado de José Castro, que sempre levou con orgullo o nome da Caniza e mantivo unha estreita vinculación coa súa vila natal”.

O certame está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos empadroados en Galicia ou estudantes non galegos que cursen os seus estudos en centros galegos, e contará cun premio único de 1.000 euros para a colección gañadora.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 12 de maio ao 1 de xullo de 2026, podendo consultarse as bases completas na páxina web municipal www.caniza.org. A colección gañadora desfilará no desfile de moda do XV Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal, que terá lugar o 26 de setembro de 2026 no Auditorio Municipal do Concello da Caniza.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.