A mocidade tomiñesa traslada ás súas propostas á Xunta

Pide a creación dun Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia

Tomiño | O Consello da Infancia de Tomiño, Voces Novas, participou este xoves nunha reunión telemática promovida por UNICEF xunto con representantes de organismos homónimos de concellos galegos como Teo, Cabanas, Moeche, Redondela, Porriño, Moaña e Castrelo de Miño. Alejandro Pereira e Alejandra Villa, representantes tomiñeses de 11 e 12 anos respectivamente, trasladaron xunto con outros 14 nenos e nenas as súas inquedanzas e propostas ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre.

Na reunión explicáronlle a Rey o funcionamento e labor dos consellos, comentando as iniciativas levadas a cabo, pondo en valor a importancia de que a mocidade e a infancia conte con espazos de participación nos seus municipios nos que sexan escoitados e tidos en conta polas institucións.

A súa principal demanda é a de materializar a creación dun Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia, un proxecto polo que desde UNICEF se leva pelexando desde fai varios anos. o director aproveitou a reunión para comunicar que a creación deste consello autonómico xa está en marcha, con previsión de que se materialice ao longo do presente ano.

“A súa principal demanda é a de materializar a creación dun Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia, un proxecto polo que desde UNICEF se leva pelexando desde fai varios anos”

“A creación deste ente ten unha importancia fundamental para afondar na implantación de mecanismos de participación da infancia e a adolescencia, non só por poder contar cunha comunicación directa coas institucións autonómicas que amplifique a voz da mocidade, senón tamén pola oportunidade de compartir experiencias, propostas e iniciativas entre os distintos consellos existentes en Galicia e tamén noutros lugares do Estado”, declarou Fátima Rodríguez, concelleira de Mocidade e Participación Infantil.