A mocidade ponteareán esixiu atender a problemática da saúde mental

Pleno infantil con motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia

Ponteareas | Ponteareas volve encherse da voz da súa infancia e mocidade. Ao abeiro do Día Universal dos Dereitos da Infancia, celebrado este 20 de novembro, o salón de plenos do Concello acolleu unha nova sesión do pleno infantil presidido pola alcaldesa, Cristina Fernández Davila, acompañada polo concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, e na que participaron representantes de todos os centros educativos de infantil, primaria e secundaria da vila, así como concelleiros e concelleiras.

Un pleno que tivo como protagonista principal a saúde mental, unha problemática cada vez máis visíbel e con doenzas que, como sinalou a rexedora, “calquera das persoas que coñecemos e que nos rodean e nós mesmos podemos padecer.

A pandemia á que nos enfrontamos coa COVID-19 fixo que este tipo de enfermidades difícil de detectar e de tratar foran máis habituais do debido e que emerxeran dunha forma rápida e drástica entre a poboación máis nova”. “Celebrar este pleno permítenos escoitar a vosa voz, as vosas opinións e achegarnos ao voso punto de vista da realidade, por iso lle damos a mesma importancia que a calquera outro pleno que celebremos no Concello”, explicou a rexedora.

Para abordar esta temática dun xeito o máis integral posíbel, o pleno infantil contou tamén coa intervención de representantes da Asociación Avelaíña, que dende hai anos traballa na comarca para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidades mentais e das súas familias e que este mesmo ano abriu un centro de atención de día en Ponteareas.

“Quero darlle os parabéns polo seu magnífico traballo e por ter feito posíbel que dende que asinamos o primeiro convenio de colaboración as prestacións e atención aos usuarios e usuarias foron medrando ano a ano”, destacou Fernández Davila.

Por outro lado, por primeira vez o pleno contou coa presenza de representantes do Consello da Infancia e da Adolescencia de Ponteareas, ‘Mentes Novas’, ao que a alcaldesa quixo agradecer “o intenso traballo que estades a desenvolver para facernos chegar a vosa opinión, a vosa visión, e poder mellorar o voso día a día e favorecer a igualdade e a inclusión de todos os nenos, nenas e adolescentes. Moitos parabéns, sabedes que contades con todos os recursos ao noso alcance. E moitas grazas por dar voz propia a Ponteareas nos foros autonómicos e estatais, achegando a nosa visión e experiencias”.