A Mesa do Camiño reuniuse en Tui para promover o Camiño Portugués

Contou coa participación de sectores vinculados á ruta xacobea en Tui

Tui | A Mesa do Camiño de Santiago de Tui reuniuse hai un días para abordar a actual situación do Camiño. Estivo presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e contou coa participación do concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, e da concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez.

Asistiron tamén representantes dos diversos sectores vinculados á xestión do Camiño na cidade coma hostalaría, restauración, empresas de servizos aos peregrinos, movemento asociativo. Tamén estiveron presentes representantes da Igrexa e Francisco Singul Lorenzo, da SA de Xestión do Plan Xacobeo, por parte de Turismo de Galicia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a reunión indicando que “xa estamos asistindo á presenza dos primeiros peregrinos, logo da pandemia e dos peches perimetrais e fronteirizos, tanto a nivel individual como de pequenos grupos tanto peninsulares como europeos, sendo un motivo de esperanza”.

O alcalde comentou a inmediata licitación por parte do Ministerio de das obras de humanización da Avenida de Portugal e a zona fronteiriza que mellorará substancialmente o lugar, polo que transcorren o Camiño Portugués a súa entrada a Tui tras cruzar a vella Ponte Internacional.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, informou sobre actuacións en torno ao Camiño de Santiago impulsadas por parte do Concello de Tui. Explicou así a actuación de Mellora do Camiño cubrición dos contedores de lixo no tramo do Camiño para reducir o impacto visual dos mesmos. Expuxo amais a mellora da sinalización turística de Tui, con novas sinais na Ponte da Veiga, na Capela de Nosa Señora do Camiño ou na Ponte das Febres.

“O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, informou sobre actuacións en torno ao Camiño de Santiago impulsadas por parte do Concello de Tui”

O concelleiro repasou tamén a creación do Foro do Camiño Portugués, no marco do que se celebra unha conferencia sobre a vía xacobea con carácter mensual. Na primeira das citas contou coa presenza de Juan Manuel López-Chaves Meléndez, fundador da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo, e este mes coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Xa en xuño contarase coa participación de Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal.

Avanzou Laureano Alonso a edición do material sobre a peregrinación de León de Rosmithal da que cumpre este ano o seu 555 aniversario, e repasou a edición do folleto “Tui, capital do camiño portugués” e das guías de turismo deseñadas por Sara Quintana e o ilustrador Xosé Tomás. Tamén indicou que se continua avanzando co proxecto de creación dun centro de acollida de visitantes e peregrinos no cárcere vello, que suporá un investimento de 329.859,49 euros.

“O perfil de Facebook: Camiño Portugués Tui, que ten acadado 1900 amigos en case dez meses. No primeiro trimestre de 2021, segundo indican as estatísticas, no mesmo foron realizadas 627 publicacións, o que implica case sete de media ao día, xerando 759 comentarios e 7.290 reaccións (unha media diaria altísima: 81 perfiles interactúan no grupo)”

Explicou a posta en marcha do perfil de Facebook: Camiño Portugués Tui, que ten acadado 1900 amigos en case dez meses. No primeiro trimestre de 2021, segundo indican as estatísticas, no mesmo foron realizadas 627 publicacións, o que implica case sete de media ao día, xerando 759 comentarios e 7.290 reaccións (unha media diaria altísima: 81 perfiles interactúan no grupo). Algunhas entradas teñen chegado a máis de tres mil persoas.

Para o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, esta nova xuntanza resultou moi positiva pois o intercambio de información e propostas entre os axentes implicados na xestión do Camiño portugués en Tui é positiva para todos e para mellorar o posicionamento de Tui especialmente de cara ao inmediato escenario postcovid que estamos albiscando coa presenza, cada día, maior de peregrinos na nosa cidade.
Participou tamén a concelleira de Ana Álvarez Núñez, que explicou aos asistentes o programa de axudas Reactiva Tui II de interese para o sector turístico tudense e o mantemento do tecido empresarial do mesmo.

Na quenda de intervencións o representante de Turismo de Galicia, Francisco Singul Lorenzo, da SA de Xestión do Plan Xacobeo, expresou a satisfacción por asistir a esta xuntanza nunha iniciativa do Concello de Tui de alto interese. Ratificou o interese de Turismo de Galicia sobre o proxecto “Cárcere Vello” e informou do programa que, en breve, porá en marcha a Xunta de Galicia dun seguro Covid para turistas e peregrinos que cubra as posibles incidencias derivadas da pandemia.

Posteriormente houbo un amplo intercambio de opinións entre os participantes. Comentaron, entre outros aspectos, a gran demanda de información que están a rexistrar e que agardan se traduza en reservas. Tamén expuxeron a necesidade de traballar na promoción en liña, tamén en redes como Instragram. Incidiron amais nos problemas de mobilidade que existen para chegar a Tui a través do transporte público, o que reduce a capacidade de atracción da cidade para visitantes e peregrinos.