A maior contratación de persoal na historia do Porriño

O pleno municipal aprobou 225.000 euros para contratar a 43 persoas

O Porriño | O pleno da corporación local aprobou hoxe cos votos a favor do Goberno Local e EU SON do Porriño, e a abstención do resto dos grupos, a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal.

O custe do programa laboral deseñado polo executivo para a contratación de 43 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude aprobada xa polo ente provincial. Os 224.061 restantes corren a cargo do Concello, que hoxe aprobou de maneira inicial a modificación orzamentaria precisa para dispoñer dese crédito.

Estes traballadores e traballadoras integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais:

Obras:  dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.

Parques e Xardíns:  doce peóns forestais.
Unidade Asistencial a Drogodependentes: un auxiliar de enfermería.
Servizos Sociais: un auxiliar administrativo.
Cultura: dous auxiliares administrativos.
Turismo: un titulado na diplomatura ou grao de Turismo.
Novas Tecnoloxías: un técnico en informática.
Emprego e formación: dous orientadores laborais.
Deportes, Mercados e Cultura: seis conserxes.

Declaración institucional de rexeitamento ao concerto de Kaydy Cain en Mos
A corporación manifestou a súa condena ao concerto que o cantante de trap Kaydy Cain ofreceu o pasado sábado no municipio veciño de Mos, así como “a calquera outro evento musical ou cultural que agreda á dignidade das mulleres”. Tal e como reza o comunicado conxunto “ningunha expresión artística pode faltar ao respecto nin fomentar actitudes que promovan a desigualdade nas relacións entre homes e mulleres, xa que ao facelo fáltase aos valores sobre os que se cimenta unha sociedade democrática, libre e igualitaria”.

En definitiva, o Concello do Porriño “traballa para construír valores de igualdade e respecto nas relacións persoais” e por iso a corporación no seu conxunto amosou o seu rexeitamento a concertos como o de Kaydy Cain que “fan apoloxía do machismo e van en contra dos valores que defendemos”.

O BNG presentou unha enmenda para incluír no texto que se retire a subvención autonómica que se deu á sala de festas mosense no marco do plan de reactivación post covid . A enmenda foi desestimada.