“A Louriña entre Todos”, a alianza entre O Porriño e Mos

Os alcaldes Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo oficializaron esta unión comarcal

Mos | A unión fai a forza. Baixo esta premisa, os populares de Mos e do Porriño déronse cita hoxe na festa do val, `A Louriña entre todos´.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, arroupados polos seus equipos e máis de 500 veciñas e veciños de ambos os dous concellos, presentaron o seu proxecto de futuro para a comarca, nun acto no que participou tamén parte importante do Goberno galego que estivo representado polo titular de Sanidade, Julio García Comesaña, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, Román Rodríguez, a responsable de Promoción do emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Alejandro Lorenzo, foi o encargado de abrir o acto apuntando que “fronte aos que queren alimentar un clima de división e confrontación política que nos condena a estancarnos nós respondemos con traballo, con iniciativas e cun proxecto de futuro sólido para reivindicar dous concellos que son motor do sur da provincia”. O rexedor incidiu en que ademais “o facemos con ilusión, con forzas renovadas e co apoio da veciñanza da comarca que coma nós o que quere é que o seu Concello siga progresando e ocupe o lugar que merece”.

No mesmo sentido se manifestou o conselleiro, José González, destacando que “hoxe estamos aquí os catro conselleiros apoiando a dous alcaldes fortes, que necesitan a maioría absoluta para seguir construíndo unha Louriña forte. Se non hai maioría, haberá un goberno de perdedores”.

Pola súa banda, Julio García Comesaña reivindicou a man tendida dunha Xunta de Galicia “comprometida coa Louriña e coa sanidade”, como se demostra coa “ a ampliación do Centro de saúde de O Porriño con 4,5 millóns de euros e o gran complexo sociosanitario do Rebullón en Mos que contará tamén cun novo centro de saúde, o primeiro de Coidados Intermedios público, escola infantil e residencia de maiores”. “Son dous grandes alcaldes dunha gran comarca”, concluíu.

María Jesús Lorenzana afirmou que “os que nos dedicamos ao emprego, precisamos de alcaldes e alcaldesas como eles. Alcaldes que crean o contexto axeitado para que se instalen as empresas, que garanten solo, que axilizan licencias” e lembrou a aposta do Goberno galego por esta comarca cos 6,5 M de euros que destinaron aos autónomos da Louriña na pandemia.

Román Rodríguez concluíu destacando que Lorenzo e Arévalo son “dos mellores alcaldes non só da provincia senón de España. Son próximos, traballadores, dinámicos e con paixón”.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foi a encargada de clausurar as intervencións e o fixo reivindicando que “Mos e O Porriño se necesitan para crecer, para dar servizo”. A rexedora mosense incidiu en que “é imposible concebir esta comarca se non é desta maneira. Hoxe, con vós, simbolizamos a forza da Louriña, o cinturón azul, unha alianza e exemplo de concellos fortes, líderes en industria, en educación, en sanidade, en emprego…” e quixo agradecer o respaldo “da Xunta de Galicia, e do seu presidente polo apoio simbolizado hoxe nos catro conselleiros que nos acompañan”. Ao rematar as intervencións os asistentes disfrutaron xuntos dunha boa tapa de callos da Louriña con Pan do Porriño.