A licitación as obras de saneamento da depuradora de Moscadeira

Por cinco millóns de euros por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica

Ponteareas | O Ministerio para a Transición Ecolóxica sacou hoxe a licitación a execución das obras de mellora dos interceptores xerais de Ponteareas, unhas obras de saneamento que forman parte do proxecto de ampliación da depuradora da Moscadeira.

As obras licítanse por un importe de 5 millóns de euros e o prazo de execución máximo é de 18 meses. Trátase da primeira licitación dunha parte das obras para a ampliación da depuradora, logo de terse contratado nos meses anteriores traballos de carácter técnico.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que en breve se licitarán o resto das obras e amosouse moi satisfeita “porque entramos xa na fase de adxudicar obras para unha actuación histórica e fundamental para rematar coas verteduras ao Tea e poder facer o saneamento nas parroquias que carecen del”. Cristina Fernández salientou que “o goberno do Estado cumpre co comprometido con Ponteareas, no marco dun diálogo permanente e positivo entre o Concello e o Ministerio”.

A rexedora lembrou que “mentres non se amplíe a depuradora que verte dende a súa inauguración en 1995, temos prohibido realizar novas obras de saneamento no rural. Con esta licitación dáse un gran paso para poder superar ese impedimento e poder, por fin, comezar o saneamento das parroquias que non contan con el”.

Cristina Fernández salientou a capacidade do goberno local para resolver nestes catro anos dous problemas históricos como o PXOM, tras 20 anos de retraso, e a depuradora tras case 30.

Estas obras de saneamento ligadas á ampliación da depuradora están cofinanciadas ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014 – 2020.