
Arbo | Cun balance extraordinario, a LXVI da Festa da Lamprea reuniu a máis de 50.000 persoas en Arbo do 24 ao 26 de abril. A festa abriu o venres 24 coa apertura da XXX ARBOMOSTRA, contando coa presenza da Directora Territorial da Consellería de Xustiza e Deporte, Blanca García-Señoráns, sendo o escaparate perfecto para a promoción dos tesouros gastronómicos e vinícolas do municipio.
Nesta edición, oito adegas de Arbo participan no recinto de Arbomostra, situado na Praza do Mercado. Dende o venres ás 17:30 horas e ata a noite do domingo, os visitantes poderán gozar de degustacións e coñecer as mellores elaboracións dos prestixiosos caldos da zona.

Como un dos momentos máis agardados, o sábado e o domingo a partir das 11:00 h, un restaurante de Arbo foi o encargado de servir a lamprea preparada nos distintos estilos tradicionais. Esta proposta culinaria, maridada coas xoias enolóxicas das adegas locais, está pensada para ofrecer aos asistentes unha experiencia sensorial que deixará un recordo inesquecible no padal. Ese mesmo día realizouse o pregón das festas a cargo do popular escritor e animador Boris Izaguirre.
Cociñeiros e cociñeiras arbenses amosaron ao público as receitas e técnicas que pasaron de xeración en xeración, conformando o alicerce do patrimonio cultural da vila.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo animar a veciñanza e turistas a sumarse á celebración: “Invitamos a todos os amantes da gastronomía, a cultura e as tradicións a visitar Arbo estes días para gozar da Festa da Lamprea, a festa máis internacional de Galicia. Será unha oportunidade única para descubrir a nosa hospitalidade e os nosos viños nunha contorna privilexiada como é o val do Miño”.
A carpa de Arbomostra converterase tamén nun punto de encontro cultural con actuacións musicais durante toda a fin de semana:

Sábado 25: O recinto abríu de xeito ininterrompido de 11:00 a 24:00 horas. Actuaron o grupo A Xaiva (14:00 h) e Mel de Meiga (20:30 h).
Domingo 26: A xornada desenvolveuse de 11:00 a 22:00 horas, coas actuacións de O Son das Tabernas (13:30 h) e Somoza Trío (18:30 h).
Con esta nova edición, Arbo reafirma a súa posición como destino gastronómico de referencia, onde a tradición, o produto de calidade e a hospitalidade se funden para ofrecer unha experiencia única arredor dun dos sabores máis emblemáticos de Galicia.




