A “Insua dos Poetas” acolleu a primeira homenaxe ourensá á poeta Xela Arias

A poetisa é protagonista do Día das Letras Galegas 2021

Ourense | A Insua dos Poetas, no Carballiño, acolleu hoxe a celebración do IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que na presente edición converteuse na primeira homenaxe ourensá á poeta Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández, realizada en granito procedente das canteiras de Melón e que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias.

No parque temático situado na localidade carballiñesa de Madarnás e xunto co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, tamén participaron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como representantes das entidades colaboradoras, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a familia da homenaxeada e representantes do ámbito cultural ourensán, entre outros.

O acto, titulado “Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras”, comezou cun espectáculo de música, danza e poesía conducido pola escritora Yolanda Castaño, para a continuación descubrir a escultura que perpetúa as obras fundamentais de Xela Arias e que, ademais, se inspira nun dos seus versos: “unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños”.

Rosendo Fernández, agradeceu o esforzo realizado por Luis González Tosar “para que a Insua dos Poetas siga a ser un lugar de referencia cultural en Galicia, a pesar da complexa situación que vivimos”. Fernández dirixiuse á familia da homenaxeada para subliñar que “grazas a iniciativas como esta, Xela Arias terá en Ourense un espazo permanente no que recordar o seu labor”, felicitando tamén ao escultor Alberto Fernández “porque tamén coa súa obra pasa a formar parte do legado da Insua dos Poetas”.

“Xela Arias marchou demasiado pronto –dixo Luis González Tosar en referencia á temperá morte da poetisa, aos 41 anos- pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega”. Tosar tamén tivo palabras de agradecemento para o escultor Alberto Fernández, “que contribúe a dar forma ao verdadeiro espírito da Insua dos Poetas, un parque temático no que a literatura e as artes plásticas dialogan co medio ambiente”.

“Un espazo de liberdade e recoñecemento que vai construíndo Luis Tosar co seu esforzo”, dixo Francisco Fumega, mentres Anxo Lorenzo subliñou que esta era “unha oportunidade para redescubrir a unha persoa que forma parte do universo literario e creativo de Galicia”. Miguel Santalices, que agradeceu á invitación ao Parlamento, definiu a Xela Arias como “unha muller cun firme compromiso coa lingua galega”, pechando as intervencións o fillo da poeta, Darío Xil, que no nome da familia agradeceu esta primeira homenaxe.