A infancia de Covelo explora o territorio na escola de verán

Organizada para facilitar a conciliación familiar e laboral

O Covelo | Dende as oito e media da mañá a escola de verán do Concello de Covelo abre as súas portas para recibir aos pequenos e pequenas que ao longo deste mes aprenderán xogando da man das monitoras. Ata a sala multiúsos municipal achegáronse o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, para darlles a benvida a todas as cativas e cativos que farán equipo este verán.

No Concello de Covelo ata as dúas da tarde as familias contan co apoio da escola de verán na que as crianzas farán excursións e múltiples actividades coas que coñecer mellor a súa vila, aprender a traballar en equipo e xestionar as súas emocións.

A escola de verán nace como un recurso de apoio ás familias para facilitar a conciliación familiar e laboral. É un espazo de convivencia atendido por profesionais que promove valores como a igualdade e o respecto ao medio natural. Deportes, manualidades, saídas e distintos xogos a través dos que traballar as habilidades sociais e a empatía. Subvencionada polo Concello e cun prezo reducido de vinte euros para persoas empadroadas e de corenta para as non empadroadas, as familias contan cada mañá cun tempo de respiro grazas a esta iniciativa do Concello de Covelo.

Cursos de ximnasia
A cidadanía de Covelo gozará dun verán en forma grazas aos cursos deportivos gratuítos ofrecidos polo Concello. Máis de trinta persoas comezaron hoxe as clases de ximnasia de mantemento e ximnasia na auga que se desenvolven nas instalacións públicas do pavillón e da piscina municipal.

Os luns, mércores e venres de 9 a 14 horas tanto a piscina como o pavillón municipal acollerán estes dous cursos que promoven hábitos de vida saudable e melloran o estado físico e psíquico das persoas participantes.

Con estas actividades preténdese sacar o máximo partido ás instalacións municipais e que toda a cidadanía poida ter acceso a actividades que non só melloran o seu estado físico, tamén a súa saúde e as súas relacións sociais posibilitando momentos de encontro e espazos axeitados asesorados por profesionais.