
Vigo | Impulsar o emprego tecnolóxico na área de Vigo e lanzar novos proxectos para sectores crave da economía, promovendo o progreso do sector TIC a través da innovación e a transformación dixital e o desenvolvemento de propostas pioneiras e disruptivas. Con este obxectivo arrincou a 1ª Edición da Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC, inaugurada na Zona Franca de Vigo. É un ambicioso proxecto, liderado polo Consorcio xunto con Gradiant e á Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, cofinanciado nun 60% polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España FEDER 2021-2027 e da iniciativa “Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa”, impulsada pola Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio de España.
O acto contou coa asistencia do delegado de Zona Franca, David Regades, o presidente da Cámara, José García Costas, e o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez, alén do director xeneral de INCYDE, Javier Collado e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A xornada contou coa participación dos equipos dos 30 proxectos seleccionados para esta 1ª edición que, a partir de hoxe, traballarán nun programa intensivo de incubación de 6 meses, que serán guiados e acompañados no seu proceso de desenvolvemento, validación e chegada ao mercado.
Na apertura, David Regades sinalou que “hoxe é un día moi importante para a Zona Franca de Vigo e para os nosos socios como son a Cámara de Comercio e Gradiant, para a Fundación INCYDE e tamén para os equipos dos proxectos seleccionados. Hoxe comezamos xuntos unha aventura moi ilusionante, marcada pola innovación e as novas tecnoloxías. Xa eramos un referente nos novos sectores industriais, pero coa incubadora startTIC damos un gran paso para consolidar o sector TIC na área de Vigo e apoiar o tecido empresarial”. O delegado do Estado sinalou tamén a importancia de que a maior parte dos proxectos aposten pola Intelixencia artificial, pola ciberseguridade e a soberanía do dato, “e con aplicacións que serán estratéxicas para a economía galega”.
Pola súa banda, José García Costas, presidente da Cámara de Comercio, que remarcou a colaboración entre Zona Franca, Gradiant, a Cámara PVV e a Fundación INCYDE “como unha das grandes fortalezas deste proxecto”, destacou que “startTIC trata de que as boas ideas que xorden no noso territorio, como as que se seleccionaron nesta primeira convocatoria, atopen tamén aquí os recursos, os contactos e as oportunidades necesarias para converterse en empresas, e queremos que Vigo e a nosa demarcación sexan capaces, ao mesmo tempo, de atraer novos proxectos empresariais vinculados os sectores tecnolóxicos, porque a tecnoloxía se converteu nun elemento transversal para todos os ámbitos da economía”.
Neste sentido, explicou que desde a Cámara de Comercio “achegaremos a nosa experiencia no acompañamento a emprendedores e empresas, participando activamente no desenvolvemento dos programas de incubación, na titorización e acompañamento dos proxectos e na súa conexión co tecido empresarial, así como no seu salto a novos mercados”.
O xerente de Gradiant, Fernando Jiménez, destacou o perfil claramente aliñado dos proxectos co foco prioritario de startTIC —ciberseguridade, IA/datos aplicados e 5G-edge/nube soberana— e tamén puxo o foco na forte ancoraxe galega, “que reforza a coherencia da preselección co obxectivo de dinamizar o ecosistema TIC galego. Manifestou que “esta presentación marca un momento importante. Desde Gradiant queremos poñer ao seu dispor a nosa experiencia tecnolóxica e de transferencia, axudándolles a validar as súas propostas, resolver retos técnicos e avanzar con rapidez. Pero, sobre todo, queremos contribuír a que o talento, a tecnoloxía e a empresa atópense, xerando oportunidades e fortalecendo o ecosistema innovador”.
O director xeneral de INCYDE, Javier Collado, incidiu en que “startTIC demostra como os fondos europeos e a colaboración entre institucións poden converterse en oportunidades reais para o talento emprendedor. Estes 30 proxectos contarán con tecnoloxía, coñecemento e acompañamento para transformar as súas ideas en iniciativas empresariais competitivas e con futuro”.
Finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou aos proxectos seleccionados en “unha iniciativa que vai contribuír a que Vigo siga sendo unha referencia en emprego tecnolóxico”. “A Incubadora de Alta Tecnoloxía é un gran logro para a cidade e para impulsar o sector TIC, no que xa somos un modelo en todo o Estado e máis aínda cando inauguremos o VgoTIC Global HUB en López Mora que será o complexo tecnolóxico máis importante do Noroeste”.
Os proxectos participantes coñeceron en detalle o programa de incubación, os seus contidos e as axendas de traballo previstas para os próximos meses. Durante a sesión presentáronse tamén os titores e mentores tecnolóxicos que acompañarán aos equipos ao longo de todo o proceso.
De momento, o programa desenvolverase no Parque de Zona Franca en Bouzas, localización temporal ata que finalicen as obras de López Mora. O obxectivo é validar as súas hipóteses de partida no menor tempo e custo posibles, que permita a súa transformación definitiva en proxectos sólidos. Terán acceso a titorización tecnolóxica personalizada, talleres prácticos, reunións individuais con expertos tecnolóxicos, e acceso ás infraestruturas e equipamentos de startTIC.
Os proxectos
A intelixencia artificial é a tecnoloxía predominante, con presenza en 8 de cada 10 iniciativas seleccionadas, que aplican distintas modalidades, desde IA xenerativa ata axentes autónomos. Ademais, un 20% dos proxectos aposta por tecnoloxías vinculadas á ciberseguridade e a soberanía do dato, con solucións orientadas desde a protección de infraestruturas críticas ata a detección de deepfakes.
O mapa tecnolóxico complétase con iniciativas baseadas na internet das Cousas (IoT), robótica e edge computing. Os proxectos seleccionados expoñen aplicacións en sectores estratéxicos para a economía. Outro 20% desenvolve solucións de intelixencia artificial e sensórica aplicables ao ámbito marítimo, desde a pesca e a acuicultura ata as comunicacións portuarias. T
amén teñen presenza as propostas vinculadas á automoción e a mobilidade conectada, así como proxectos dirixidos ao medio rural, con solucións de dixitalización agrícola e de prevención de incendios forestais. O encontro concluíu cun espazo de networking entre participantes, responsables do programa, titores, mentores e representantes das entidades impulsoras.




