A IA domina os proxectos seleccionados para a startTIC de Vigo

A Incubadora promovida pola Zona Franca seleccionou os 30 proxectos definitivos

Vigo | Tras finalizar o prazo de inscrición o pasado 6 de xullo, cando se recibiron máis de 60 propostas, un total de 30 proxectos foron seleccionados para participar na 1ª Edición de startTIC, a Incubadora de Alta Tecnoloxía promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e o Centro Tecnolóxico GRADIANT.

A maior parte das iniciativas seleccionadas son de Vigo (14), aínda que hai doutras zonas da área viguesa como Cangas, Tui, Marín ou Mos; do resto de Galicia: A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Santiago, e Vilagarcía; doutros puntos de España como León; e un proxecto procedente de Portugal.

Na maioría dos casos trátase de proxectos de recente creación ou en fases temperás de desenvolvemento, aínda que destaca tamén a presenza de startups e proxectos constituídos que supoñen case un terzo do total. Destacaron iniciativas de software (aplicacións, videoxogos, etc.), procesamiento de datos, aloxamento e portais web, que aplican unha ampla gama de tecnoloxías TIC, pero entre as que sobresae por encima de todas a Intelixencia artificial como fío transversal da maior parte das iniciativas seleccionadas. 8 de cada 10 proxectos aplican algunha das súas modalidades, desde IA xenerativa ata axentes autónomos.

Así mesmo un 20% dos proxectos decántanse por tecnoloxías de ciberseguridade e soberanía do dato, que dan solucións para protección de infraestruturas críticas ata deepfakes. Completan o mapa de tecnoloxías as iniciativas baseadas na internet das Cousas, robótica e Edge computing.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.