A Hidrográfica saca a información pública o proxecto de mellora do saneamento de Sarria

O investimento previsto supera os 2,4 millóns de euros

Sarria | A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, somete a información pública (IP) o “Proxecto de construción de actuacións de mellora do saneamento e da EDAR de Sarria (Lugo), actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020.

Plano do proxecto de saneamento da EDAR de Sarria

O período de información pública, 20 días hábiles, irá do 22/04/2021 ao 20/05/2021 (ambos inclusive).”, tal e como publican o BOP de Lugo do mércores, 21 de abril, e o BOE do luns, 19 de abril de 2021.

O Proxecto
A actuación consiste na substitución do colector da marxe esquerda do río Sarria desde a Rúa Calvo Sotelo ata a Rúa Greco e un tramo do colector xeral desde esta última ata o novo dispositivo de retención, que servirá para controlar o caudal de entrada á depuradora, executando así un total de 1.000 metros de colector. Na EDAR instalaranse novos equipos e actualizaranse os existentes para mellorar o seu funcionamento. As obras serán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e serán licitadas por un valor de 2.435.845,49 €. O prazo de execución estímase en 12 meses.

Outros artigos