A Guardia Real e o Concello de Monforte intercambiaron agasallos institucionais

A cidade do Cabe foi sede principal do exercicio táctico do corpo militar

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte de Lemos, presidiu os actos organizados pola Guardia Real en Monforte dentro do exercicio táctico que este corpo militar realiza na provincia de Lugo entre os días 5 e 10 de maio, e dos que a nosa cidade foi sede principal. Por mor da chuvia, a exhibición que inicialmente estaba previsto que tivera lugar na Explanada da Compañía, desprazouse ao pavillón polideportivo de A Pinguela, e foi acollida con gran expectación por parte do público. Desde as 10.00 e ata as 13.00 horas, foron moitos os monfortinos e monfortinas os que se achegaron para coñecer de preto o traballo que realizan estes profesionais, así como o material e equipamento que empregan nas súas misións.

Neste senso, José Tomé, quere agradecer a toda a cidadanía que acudiu a este evento o interese amosado, “e especialmente aos equipos directivos e persoal docente dos centros educativos da cidade, pola súa implicación e esforzo, organizando visitas do alumnado á exhibición, na que os escolares puideron coñecer de certa o traballo deste corpo militar”.

O rexedor quixo expresar tamén a súa satisfacción pola organización do evento que, a pesares do cambio de ubicación pola chuvia, desenvolveuse sen incidencias no Pavillón, polo que pasaron centenares de persoas ao longo da mañá.

Exhibición
O alcalde visitou a exposición á primeira hora da mañá xunto coa tenente alcalde, Gloria Prada, e outros concelleiros e concelleiras do equipo de goberno. Acompañado polo coronel da Guardia Real e o tenente coronel do Grupo Mixto, presidiu o acto institucional no que se realizou o izado da Bandeira Nacional e se recitou o ideario da Guardia Real.

Neste acto, o coronel da Guardia Real e o alcalde intercambiaron agasallos en lembranza desta xornada.
Posteriormente celebrouse unha exhibición da sección de movementos floreados da Guardia Real e realizaron unha visita ao recinto. A exposición incluíu unha pista de obstáculos infantil, unha estación de transmisións de radio, uniformidades oficiais da Guardia Real, armamento, material de seguridade, exposición de drons de seguridade, material contraincendios da Guardia Real e varias motocicletas Harley Davidson. No exterior do Pavillón exhibíronse cabalos de pura raza española e hispanobretóns e peza de artillería.

O alcalde trasladou aos efectivos da Guardia Real o seu agradecemento pola visita a Monforte e lembrou “a nosa cidade xa acolleu en 2023 un acto vinculado ás Forzas Armadas, concretamente unha xura de bandeira civil que se desenvolveu nunha xornada moi emotiva e recordada por moitos veciños”. Nesta ocasión, engadiu, “temos novamente a oportunidade de coñecer máis de certa o traballo da Guardia Real e os valores de entrega, profesionalidade e respecto que representan”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.