A Guarda homenaxea ao seu campión de España Álex Sierpes

Cunha recepción oficial ao atleta guardés na Casa dos Alonso

A Guarda | O Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes, organizou o pasado 6 de xullo unha recepción oficial ao deportista local Álex Sierpes, integrante da Sociedade Atlética do Trega e actual Campión de España nos 1.500 metros obstáculos en pista ao aire libre na categoría Sub 16.

Neste acto estiveron presentes representantes da corporación local, familiares e amizades do deportista, que expresaron a súa gratitude polos seus éxitos deportivos, recibindo un agasallo conmemorativo. No acto tamén se proxectou un vídeo con algunhas imaxes da súa participación en diferentes probas deportivas.

Como manda a tradición, Álex, o seu irmán Christian e os seus pais, remataron esta recepción no balcón da Casa dos Alonso, onde saudaron aos asistentes que agardaban na Praza do Reló baixo lemas de “Campión! Campión!”.

A traxectoria deportiva de Álex Sierpes é digna deste recoñecemento, polo seu esforzo, traballo e sacrificio ao longo destes anos, no cal tivo unha evolución imparable no mundo do atletismo.