A GDR Terra e Auga e a EFA A Cancela dan a coñecer o proxecto Aula-Empresa

A través dun convenio de colaboración que involucra ao alumnado desa institución

A Cañiza | Facer produtivas as sinerxias, aliarse para potenciar os recursos do territorio e dinamizar socioeconómicamente os dez concellos do GDR Terra e Auga son algúns dos principios que respaldan o día a día do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga.

Nesta liña de traballo, o presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, e a presidenta da EFA A Cancela, María del Carmen Gil, veñen de asinar un convenio de colaboración dentro do proxecto Aula-Empresa. Baixo este programa o alumnado da EFA A Cancela, localizada nas Neves, coñece o traballo diario de distintas empresas, entidades e organizacións dos dez concellos, A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Grazas a esta alianza o alumnado do ciclo de Formación Profesional de Administración achegarase ao funcionamento do GDR Terra e Auga e ao longo dunha semana por trimestre e poderá coñecer a metodoloxía de traballo, aprender novos conceptos, tramitación e a xestión dun grupo de desenvolvemento rural e a potencialidade conxunta dos concellos do grupo.

Esta iniciativa permite ademais que as e os estudantes do territorio se acheguen a un organismo de carácter supramunicipal que aborda liñas de traballo e perspectivas globais capaces de conectar e coordinar a emprendedores, empresas, actores sociais, culturais, artísticos, agrarios e medioambientais, entre outros, a través dun exercicio diario de cooperación e coordinación. O alumnado da EFA A Cancela completará a súa formación colaborando no traballo en equipo que supón a xestión do GDR Terra e Auga ao tempo que “nos enriquecerá coa súa aportación e coñecementos”, matiza o presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, “sendo a mocidade un público co que queremos traballar e que sempre temos presente no deseño das nosas accións porque son o futuro e as persoas que deben coñecer e formarse para apostar polo noso territorio”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.