A gastronomía cañicense promóvese no Xantar de Ourense

No 24º Salón Internacional celebrado do 2 ao 5 de novembro

A Cañiza | O alcalde Luis Piña presentou este sábado a gastronomía da Cañiza, liderada polo xamón, xunto cos cocidos, os viños da zona, a tetilla e a mel e tamén por primeira vez nesta edición, os caracois coa marca cañicense “ComeCois”.

Nun concurrido acto no que o Alcalde, acompañado da Concelleira do Goberno Paula Bacelar e do cortador de xamón Víctor Burgos, deleitaron aos asistentes entre as 13h e 14.30h, divulgando e dando a saborear todos os nosos produtos.

“O xamón da Cañiza é o maior abandeirado da nosa gastronomía pero tamén o son outros produtos cárnicos de porco que fan que os cocidos da Vila sexan reclamo dabondo para atraer á Cañiza a centos de comensais durante todo o ano”.

Así presentou o Alcalde Luis Piña a oferta gastronómica cañicense e os seus referentes festivos: a Feira do Xamón do 15 de agosto e as tempadas dos cocidos cañicenses, recentemente inaugurada.

Unha oferta que se completa cos excelentes viños da nosa zona, “Eido da Fonte”, “Abelán” e “Cavadas”. Tres adegas da parroquia de Valeixe, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas.

Xamón e Viño que xuntos crean a maridaxe perfecta cos queixos elaborados na Cañiza da casa «Castro Xaneiro», coa mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e como novidade este ano cos caracois preparados da marca cañicense “ComeCois”. Toda unha exquisitez que obriga a unha visita á Cañiza para poder degustala.