A Festa da Lamprea de Arbo aspira ser de Interese Turístico Internacional

Este 2023 cumpre a súa 63 edición os días 28, 29 e 30 de abril

Arbo | A lamprea en Arbo é toda unha tradición. Preparámola desde hai séculos e a que se captura a esta altura do Miño ten unha textura, unha cor e un sabor diferentes. De potente sabor, a lamprea é un manxar que non deixa indiferente a ninguén.

Non existe constancia doutro pobo no mundo que teña unha tradición tan antiga e arraigada ao redor deste “peixe” ciclóstomo prehistórico e misterioso. Delicia gastronómica para moitos padais, que en Arbo elevamos a unha cota de goce sublime grazas ás nosas receitas ancestrais.

Desde fai sesenta e dous anos o concello de Arbo homenaxea este prezado manxar coa celebración da Festa da Lamprea, a cal ten unha cita cada ano o último domingo de abril. Son moitas as festas que se celebran por toda Galicia, a Festa da Lamprea é a Festa culinaria máis antiga alcanzando gran popularidade ao longo dos anos ata converterse en 2005 en “Festa de Interese Turístico de Galicia” e en 2016 en “Festa de Interese Turístico Nacional” que recoñece a antigüidade, continuidade no tempo, o arraigamento e a participación cidadá, así como a orixinalidade e diversidade dos actos e as accións de promoción realizadas para o efecto.

O alcalde, Horacio Gil, explicou que se enviou á Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España o expediente e documentación xustificativa da Festa da Lamprea para conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

A solicitude conta co apoio e aprobación do pleno da Corporación así como da Axencia de Turismo de Galicia e aprobar a solicitude da Festa de Interes Turistico Internacional. Grazas a este traballo desenvolto o expediente cumpre cos requisitos establecidos en Orde ICT/851/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional. O arraigamento, a historia, o valor cultural e tradición da Festa da Lamprea pode seguirse a través da páxina web da Festa da Lamprea https://festadalamprea.gal/ creada polo Concello de Arbo no ano 2020.

En palabras do profesor e historiador Manuel Xiraldez: Arbo, “A Vila da Lamprea”, con este lema de benvida no panel informativo da entrada á localidade empézase a recibir visitantes nos anos sesenta, e esta referencia do Petromizoico en capital esta fixado para sempre.

En 1961, coa celebración do primeiro “Día da Lamprea”, o pobo de Arbo atopou un lugar no mundo, adquirindo para a posteridade este produto de Miño, tan excedente na época, apelido que fai referencia a un punto de orixe: “a lamprea de Arbo”.

Ao longo de case medio século de vida, cando se celebraron as vodas de ouro en 2010, a festa anual do animal de Sete Buracos ou Peixe dos Nove Ollos é o principal aceno de identidade que sitúa ao vello Arbo en Galicia, España, Europa e o Mundo. Na revista da Asociación de Restaurantes Galegos en Europa (Lareira, nº 1. Madrid 1989) defínese Arbo como o “centro de gravidade do universo da lamprea” e nos mesmos anos un reclamo turístico sitúa neste punto xeográfico “A Meca da Lamprea”.

O rexedor arbense insistiu que a Festa da Lamprea “é a manifestación e o valor dun Pobo. Un pobo orgulloso das súas tradicións, da súa paisaxe, do seu patrimonio, da súa historia, da súa enogastronomía e da súa Festa Maior. Un pobo onde a súa xente hospitalaria e os seus visitantes apostan polo desenvolvemento e mellora da calidade de vida deste municipio”.

A Festa da Lamprea é o noso orgullo nela envorcamos todo o noso traballo, esforzo e agarimo- manifestou o Alcalde, Horacio Gil- “esta festa serve para render homenaxe a todas as persoas que ao longo da historia deron a coñecer a nosa localidade: precursores da Festa, alcaldes, corporacións, pescadores, cociñeiros, asociacións e veciños. A Festa é unha gran cita, A nosa cita, A nosa festa, que pretendemos converter en Festa de Interese Turístico Internacional”.