A Feira do Viño, un reclamo turístico para o Val de Quiroga

Inaugurada a XL edición

Quiroga | José González, conselleiro de Medio Rural inaugurou a XL Feira do Viño de Quiroga. Foi a segunda cita do ano coas elaboracións da denominación de orixe Ribeira Sacra, tras a celebración da Feira do Viño de Amandi, en Sober.

O conselleiro puxo estes viños con selo de calidade, así como os eventos que os poñen en valor, como exemplos do camiño que debe seguir o noso sector primario para servir de panca que contribúa a recuperar e dinamizar o noso rural.

José González referiuse á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta xunto coa Fundación Juana de Vega para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

Froito da intensa colaboración e do traballo de todo o sector -dixo- esta folla de ruta xa en marcha axudará a definir os pasos a dar a medio e longo prazo tanto polas adegas como polos viticultores.

O titular de Medio Rural aludiu á Lei de recuperación da terra agraria, pensada -tal e como destacou- para zonas como a Ribeira Sacra, que contan con terreos de calidades agronómicas únicas pero cun elevado grao de abandono. A norma -aseverou- está a servir para apostar por actividade agrogandeira e forestal con valor engadido que permita poñer en valor o noso rural. Actividade como a das denominacións de orixe vitivinícolas mediante polígonos agrarios para o cultivo de viñedo, neste caso.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, puxo en valor a calidade do viño da Ribeira Sacra e o valor dos produtores amparados baixo esta D.O, así como o potencial que ten o enoturismo como ferramenta de dinamización socioeconómica e de impulso dun turismo de calidade e sustentable para este territorio.

Fixo fincapé na importancia do sector vitivinícola na nosa cultura e describiuno como un dos eixes da sociedade e a cultura de Galicia. Incidiu a necesidade deste tipo de iniciativas en aras a facer visible as riquezas da nosa terra na búsqueda de atraer un maior número de turistas e incentivar así o turismo naquelas zonas onde o despoboamento afecta de maior maneira.

A Feira cumpriu 40 anos dende a súa primeira edición, converténdose nun dos eventos relacionados co mundo do viño máis importantes da Ribeira Sacra.

Os viños do Val de Quiroga atópanse dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. No seu haber encóntranse variedades de branco, como o Godello, e de tinto, como o Mencía, facendo das súas elaboracións un verdadeiro reclamo.

Tamén asistiron á Feira o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e delegado territorial de la Xunta en Lugo, Javier Arias. Todos foron recibidos polo alcalde, Julio Álvarez Núñez, e polos membros da corporación municipal de Quiroga.