A Estación de Montaña de Manzaneda programa o verán

Con máis eventos deportivos e lúdicos da súa historia

Manzaneda | Manzaneda xa non é só sinónimo de neve, senón tamén de aventura. A estación de Montaña redobrou a súa aposta pola desestacionalización co programa de verán con máis eventos deportivos e lúdicos da súa historia.

Desde maio e ata finais de ano, o ritmo é de entre dous e tres propostas deportivas ao mes, ás que haberá que engadir concertos todas as semanas dos meses de xullo e agosto.

A filosofía é a mesma que se implantou desde o comezo desta nova etapa, cun cambio na xestión tras a pandemia. Por unha banda, sacar o maior rendemento posible da neve cando a haxa ou se dean as condicións meteorolóxicas para fabricala, pero sobre todo aproveitar as posibilidades da Estación durante todo o ano e moi particularmente no verán.

Así, xa desde finais de abril deste ano, Manzaneda é o escenario de diferentes probas relacionadas coa bicicleta ou o mototurismo, entre outras disciplinas. Unha vez que xuño chega ao calendario e despois do éxito das citas deportivas de maio co Trofeo Manzaneda Bike Park DHI, a marcha mototurística Adventure Galicia e o DHS Tour 2022, programáronse novos eventos que prevén atraer a centenares de afeccionados aos deportes de aventura. Espérase así un mes cargado de adrenalina cunha carreira extrema de montaña e unha proba de enduro. E os eventos de deportivos seguirán ao mesmo ritmo ata finais de ano.

O complemento lúdico á actividade deportiva serán os nove concertos do ciclo “Elas cantan” que terá lugar todos os sábados dos meses de xullo e agosto, cun fío condutor: só participan grupos liderados por mulleres.

E a todo iso sumaranse as actividades da propia Estación de Montaña, que para esta nova tempada amplíanse cun rocódromo infantil, unha pista de paintball, roteiros en bicicleta eléctrica ou novos parques multiaventuras, un deles adaptado para menores de 6 anos. Complementarán as xa ofertadas o ano pasado: bike park adulto e junior, roteiros dacabalo, tiro con arco, tirolesa, telecadeira turístico ou piscina e circuíto termal.

Ademais, desde o mes de abril están a rexistrarse visitas de alumnos de colexios de toda Galicia, con estancias de 2 noites e 3. E durante o resto do verán farano os asistentes aos campamentos da Xunta de Galicia, o que garantirá un cheo na Estación entre semana.

En definitiva, a Estación de Montaña abunda na súa intención de ser o referente en Galicia para o deporte e a aventura en contacto coa natureza, así como para o lecer e o relax en familia durante os 365 días do ano, con ou sen neve. Tanto as novidades como o resto de propostas poden consultarse na web www.manzaneda.com.

Outros artigos