A “Escoba de Oro 2026″ recoñece a Mos como modelo en xestión de residuos

O galardón foi outorgado pola implantación dun novo sistema de contedores de última xeración

Mos | O Concello de Mos vén de ser distinguido coa “Escoba de Oro 2026”, un recoñecemento concedido pola organización do certame Escobas 2026 que pon en valor a excelencia, o compromiso e o impacto das políticas ambientais desenvolvidas no municipio.

O galardón foi outorgado pola implantación dun novo sistema de contedores de última xeración, que incorpora, ademais das cinco fraccións habituais, colectores específicos para a recollida de téxtiles e aceite vexetal doméstico. Este modelo permite adaptar a capacidade á xeración real de residuos e ao entorno urbano, ao tempo que establece protocolos de vixilancia e monitorización periódica para evitar depósitos incontrolados. Este premio é froito do traballo constante que se vén realizando en Mos para mellorar a xestión ambiental e avanzar cara a un municipio máis sostible, eficiente e coidado.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro mércores 10 de xuño en IFEMA, en Madrid. Este recoñecemento chega nun momento no que o Concello de Mos está a reforzar de maneira notable os seus servizos municipais. Tralos episodios de calor dos últimos días seguidos das últimas choivas, intensificáronse as tarefas de limpeza e mantemento en todo o termo municipal.

Deste xeito, estase a levar a cabo unha campaña integral que inclúe a renovación de zonas verdes, novas plantacións e un reforzo da limpeza viaria. Actualmente, o dispositivo conta con 17 operarios dedicados a limpeza viaria, parques e xardíns e mantemento de espazos urbanos.

Entre as actuacións en marcha destaca a renovación de planta, cun investimento anual de 10.000 euros, así como labores de limpeza especial con hidrolimpadora en espazos públicos, incluíndo exteriores de edificios municipais como o pavillón Óscar Pereiro, beirarrúas, prazas e outros entornos.

A partir do próximo mes, o equipo reforzarase con 4 peóns e un técnico forestal ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, centrados no mantemento de zonas verdes e na prevención de incendios. Con esta incorporación, o número total de efectivos acadará os 22 traballadores. En paralelo, o Concello de Mos xa reforzara o servizo de limpeza viaria cun equipo específico de ata 10 persoas durante nove meses, que está a actuar en camiños, viais, beirarrúas e zonas verdes das distintas parroquias.

O operativo complétase cun camión específico para a recollida de restos vexetais e o apoio de dous tractores facilitados pola Xunta, ademais do propio do Concello, que permitirá axilizar os traballos de roza e acondicionamento. O investimento destinado a ámbolos servizos de limpeza viaria e de zonas urbanas e xestión e mellora de zoas verdes ascende case aos 600.000 euros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.