A dereita portuguesa decántase por Rui Rio

O ex alcalde de Porto venceu pola mínima nas primarias do PSD
Rui Rio, novo líder da centrodereita PSD. Propietario da foto: Diário de Notícias.

Aldea Global | A vitoria de Rui Rio por riba do seu contrincante Paulo Rangel nas primarias da centrodereita do Partido Popular Democrático/Partido Social Demócrata (PSD) foi vista pola prensa portuguesa como un síntoma da polarización existente no campo político da dereita dese país de cara ás eleccións xerais pautadas para o vindeiro 30 de xaneiro.

Toda vez, as análises nos medios lusos cualifican a candidatura de Rio como especie de “vitoria política” para o actual primeiro ministro, o socialista António Costa, incluso especulando coa posibilidade dun pacto de gobernabilidade postelectoral entre o gobernante Partido Socialista (PS) e a oposición do PSD liderada por Rio de cara á próxima lexislatura en Lisboa, tentativamente rematando así o ciclo da “fronte de esquerdas” establecido desde 2017.

En opinión do diario Público, o columnista João Miguel Tavares considerou na súa análise sobre “quen gaña e quen perde coa vitoria de Rui Rio”, as posibilidades dun pacto de gobernabilidade entre o PS de António Costa e o novo PSD de Rui Rio, en aras de “guiar os destinos do Estado”. Nese mesmo diario, Ana Sá Lopes sustentou esta hipótese ao considerar as posibilidades de “diálogo” entre Costa e o PSD acompañado de cuadros históricos do PS.

En Diário de Noticias, o columnista Sebastião Bugalho analizou a traxectoria de Rui Rio, de “derrota en derrota, ata a vitoria final?”, considerando que a súa recente carreira política amosa “sem nenhuma vitória eleitoral para mostrar em quatro anos, sem uma única sondagem nacional acima dos 30% desde que é líder” e que o que ven con Rio ao fronte do PSD “será uma autêntica limpeza das estruturas ‒ divorciadas do sentido de voto da militância ‒ e do grupo parlamentar na Assembleia da República“.

Jornal de Noticias informou sobre como serán as próximas listas electorais do PSD, onde os “críticos cerram fileiras em torno de Rio e esperam listas de união”. Unhas listas que para Rio son prioridade porque “tem a ‘missão’ de ganhar, mas diz que o importante são as legislativas”.

“Ou fica António Costa, por mais anos, ou escolhem o seu ‘alter ego’, que é o seu substituto perfeito. Rio. Rui Rio. O agente de sua majestade”

A revista de análise e información Visão tamén fai eco das especulacións dun posible pacto político postelectoral entre Costa e Rio. Como din o seu columnista Luís Delgado, “Ou fica António Costa, por mais anos, ou escolhem o seu ‘alter ego’, que é o seu substituto perfeito. Rio. Rui Rio. O agente de sua majestade”. Visão tamén reproduce declaracións de altos cargos do PSD contrarios a facer pactos coa ultradereita de Chega!, en clara contraposición ao que se observa no Estado español entre o PP e VOX en Madrid e Andalucía.

Finalmente, o diario Expresso da conta da polarización interna do PSD en canto á constitución das listas electorais na que adiantan o “divórcio coas estruturas”.

En perspectiva, con Rio como novo líder do PSD e António Costa como indiscutible líder do PS e principal favorito a gañar as eleccións de xaneiro, os medios portugueses xa especulan cun novo pacto político e institucional PS-PSD que remate coa “fronte de esquerdas” que Costa tivo ata agora co Partido Comunista Portugués (PCP) e o Bloco de Esquerdas. Con Rio como líder do PSD, e de cara aos comicios do vindeiro 30 de outubro, Portugal abre un novo ciclo político.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.