A Asociación de Empresas da Ribeira Sacra Next estuda crear cátedra de emprendemento

En colaboración coa Deputación de Ourense

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo con Severino Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas da Ribeira Sacra Next, co obxectivo de facer balance da colaboración institucional mantida nos últimos anos e avanzar en novas iniciativas orientadas ao desenvolvemento económico e empresarial deste territorio.

Durante o encontro, ambas partes valoraron moi positivamente o traballo desenvolvido pola asociación, así como o apoio continuado da institución provincial ao seu funcionamento, destacando o papel deste colectivo como elemento dinamizador do tecido económico da Ribeira Sacra e como punto de encontro para os empresarios da zona.

Luís Menor subliñou que esta colaboración “ten permitido consolidar unha relación fluída e de confianza cunha entidade que traballa desde o territorio e para o territorio”, incidindo na importancia de seguir impulsando proxectos que contribúan a fixar actividade económica e oportunidades de futuro nunha contorna con “enorme potencialidade”.

Neste contexto, na reunión púxose sobre a mesa a posibilidade de impulsar unha futura cátedra de emprendemento empresarial vinculada á Ribeira Sacra, unha iniciativa promovida desde o ámbito universitario e orientada especialmente aos sectores primario, agroalimentario e turístico.

Colaboración esencial
O presidente provincial avanzou o interese da Deputación por participar activamente nesta iniciativa, ao considerar que pode converterse nun instrumento útil para favorecer a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo e continuar fortalecendo o ecosistema empresarial da Ribeira Sacra.

“Os empresarios son unha peza fundamental no desenvolvemento económico do territorio, e facelo con planificación, con visión e coa colaboración das administracións é clave para consolidar oportunidades de futuro”, destacou Menor.

Severino Rodríguez agradeceu o respaldo da Deputación de Ourense desde a creación da asociación, asegurando que esta colaboración “foi esencial para poder desenvolver un traballo útil para todo o territorio”. Ademais, destacou que a futura cátedra permitiría “achegar o coñecemento universitario ás empresas da Ribeira Sacra, especialmente ás vinculadas ao sector primario e agroalimentario”, contribuíndo así a fortalecer o emprendemento e a innovación empresarial na comarca.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.