A Deputación e o Concello de Cambados impulsarán a Festa do Albariño

A través dun convenio de promoción

Pontevedra | Co obxectivo de dinamizar a provincia e continuar avanzando na súa atracción turística, a Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio co concello de Cambados para impulsar a Festa do Albariño, declarada de interese turístico internacional, e que terá lugar entre o 29 de xullo e o 7 de agosto.

Así, mediante este acordo, a institución provincial vai subvencionar máis do 55% do concerto do grupo Derby Motoreta´s Burrito Kachimba, un dos estandartes nacionais do rock que forma parte da programación lúdico-musical da festa.

O concerto do grupo andaluz permitirá non soamente dar maior difusión á Festa do Albariño, senón servir de elemento para dar a coñecer a vila, os seus viños, as adegas, a tradición e a historia do concello de Cambados e, en extensión, impulsar o turismo na provincia.

De feito, Cambados é xa coñecida por organizar algúns dos mellores concertos musicais do momento, que orixinan gran expectación e atractivo, xerando unha fidelidade que se ve referendada ano tras ano nos milleiros de asistentes que se desprazan ata Cambados.

A Festa do Albariño, de interese turístico internacional, é unha das citas máis importantes do calendario festivo de Galicia onde, amais de degustar o afamado viño nalgunha das casetas dispostas na vila, tamén é posible desfrutar da gastronomía da provincia e dunha completa programación musical e lúdica.

Trátase da festa vinícola máis antiga de Galicia e a segunda de España, xurdida no ano 1953, que se sustenta grazas ao compromiso do concello de Cambados e dun sector emprendedor, pioneiro e innovador que fixo dun evento lúdico a sinal de identidade da sociedade cambadesa.