
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo unha reunión coa directiva da Unión Deportiva Ourense, na que puxeron en común a situación actual do club e os proxectos de futuro, con especial atención ao fútbol base e ao crecemento da entidade.
No encontro, a directiva da UDO presentou unha memoria do traballo desenvolvido tanto polo primeiro equipo como polas categorías inferiores. O presidente provincial valorou especialmente a boa tempada do equipo sénior, que actualmente compite en Segunda Federación e se atopa en postos de play-off, con opcións de disputar o ascenso á Primeira Federación.
Durante a reunión tamén se destacou o importante avance no fútbol base, onde a entidade experimentou un notable crecemento tanto en número de xogadores como na calidade da formación. Neste sentido, a directiva puxo en valor que o primeiro equipo conta na actualidade con 14 xogadores ourensáns, unha circunstancia que foi moi ben valorada polo presidente provincial polo seu impacto na promoción do talento local.
Ademais, abordouse a posibilidade de organizar un torneo de fútbol, así como outras iniciativas vinculadas ás categorías inferiores que se están a estudar e que se concretarán nas vindeiras datas. Como peche do encontro, a directiva da Unión Deportiva Ourense fixo entrega a Luís Menor dunha camiseta conmemorativa do club, unha peza especial na que figuran impresos os nomes dos socios e que está a ter unha gran acollida entre a afección.
Na reunión participaron Javier Orbán, presidente da Unión Deportiva Ourense; Fernando Currás, director deportivo; José Antonio Quintana, xerente da entidade; e Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense.




