A Deputación de Ourense mobiliza máis de 1,06M€ para instalacións deportivas

Favorecen aos Concellos de Esgos, A Peroxa e O Pereiro de Aguiar

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, formalizou hoxe os convenios de colaboración cos concellos de Esgos, A Peroxa e O Pereiro de Aguiar para executar tres actuacións de mellora das súas instalacións deportivas, que mobilizarán un investimento global de 1.064.008 euros. A institución provincial achegará un total de 957.247,20 euros, arredor do 90 % do custo dos proxectos, que permitirán construír o campo de fútbol de Rocas, en Esgos, e substituír o céspede artificial dos campos do Marco, na Peroxa, e da Carabina, no Pereiro de Aguiar.

Menor destacou que estes convenios “son unha mostra moi clara do modelo de cooperación útil e próxima que desenvolvemos desde a Deputación, atendendo as necesidades concretas dos concellos e facendo realidade proxectos que dificilmente poderían asumir en solitario”. O presidente provincial subliñou tamén que estas actuacións “non consisten unicamente en construír ou renovar campos de fútbol, senón en investir en saúde, convivencia, deporte de base e igualdade de oportunidades para a veciñanza do rural”.

Precisamente, os tres convenios establecen unha planificación plurianual que garante os fondos necesarios e proporciona seguridade aos concellos para contratar e executar as actuacións. Luis Menor remarcou deste xeito que “vivir nun concello pequeno ou mediano non pode significar contar con menos oportunidades para practicar deporte nin con instalacións de menor calidade”. Neste senso, abundou en que “os concellos coñecen mellor que ninguén as necesidades da súa veciñanza e a Deputación debe estar ao seu carón, achegando capacidade económica e técnica para transformar esas necesidades en proxectos concretos”, afirmou.

O presidente provincial concluíu reafirmando o compromiso da Deputación co deporte “como unha verdadeira política pública, porque promove a saúde, a educación, a integración e a convivencia, ademais de contribuír á dinamización social dos concellos da provincia”.

Novo campo de fútbol de Rocas, en Esgos
O proxecto de maior dimensión corresponde á construción do campo de fútbol de Rocas, no Concello de Esgos, cun orzamento total de 549.008 euros. A Deputación financiará 494.107,20 euros, distribuídos entre os exercicios 2026, 2027 e 2028, mentres que o Concello de Esgos achegará os 54.900,80 euros restantes.

Luís Menor, xunto ao alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, salientou a importancia desta actuación para dotar o municipio dunha infraestrutura moderna, adecuada ás necesidades dos deportistas e capaz de impulsar a práctica deportiva local.

Renovación do campo do Marco, na Peroxa
No Concello da Peroxa, a colaboración entre ambas as administracións permitirá acometer a substitución do céspede artificial do campo de fútbol do Marco, cun investimento total de 240.000 euros. A achega provincial ascende a 215.640 euros, repartidos entre as anualidades de 2026 e 2027, mentres que o Concello da Peroxa financiará os 24.360 euros restantes.

Neste caso, Luís Menor e o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, formalizaron tamén unha addenda ao convenio inicial para actualizar en 400 euros o orzamento da actuación. Este incremento será asumido integramente polo Concello, polo que se mantén inalterado o compromiso económico da institución provincial. A renovación do céspede permitirá mellorar as condicións de uso e seguridade do campo e ofrecer unhas instalacións adecuadas aos clubs, deportistas e categorías de base.

Substitución do céspede da Carabina
No Pereiro de Aguiar, o convenio permitirá renovar o céspede artificial do campo de fútbol da Carabina, cun investimento total de 275.000 euros. A Deputación achegará 247.500 euros, distribuídos entre os exercicios 2026 e 2027, e o Concello financiará os 27.500 euros restantes.

A actuación permitirá prolongar a vida útil dunha instalación cunha intensa actividade e utilizada habitualmente por numerosos equipos, deportistas e familias. Por razóns de transparencia institucional, ao compatibilizar Luis Menor a Presidencia provincial coa Alcaldía do Pereiro de Aguiar, o convenio foi asinado en representación da Deputación pola vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.