A Deputación de Ourense leva o entroido aos colexios da provincia a través dos Bolechas

Cunha guía e unidade didáctica para manter vivo o espírito desta celebración

Ourense | A Deputación de Ourense levará o entroido ourensán aos colexios da provincia a través da publicación Os Bolechas, o entroido ourensán 2021, unha guía e unha unidade didáctica que distribuirá a institución provincial nas vindeiras horas en 120 centros educativos da provincia nos que se imparten os ciclos de Educación Infantil, Educación Primaria, e Educación Especial.

Así o explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao presentar dita iniciativa cultural, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, que ten como obxectivo que a pesar da difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia e que afectará tamén ao noso entroido, “desde a Deputación de Ourense queremos contribuír a manter vivo o espírito desta celebración”.

Baltar destacou o “protagonismo” que sen dúbida ten o entroido na nosa provincia pois “practicamente en cada recuncho do noso territorio hai unha manifestación vencellada con esta celebración tan ancestral, con identidade e características propias que a converten en singular e única”.

Desde a Deputación de Ourense “elaboramos unha publicación composta por unha guía e unha unidade didáctica -editada por Bolanda Ediciones coas ilustracións e textos de Pepe Carreiro-, para que os máis cativos coñezan, da man destes famosos personaxes, o noso gran parque temático de cultura e tradición ourensá como é o entroido”, explicou Manuel Baltar.

Os bolechas percorrerán nesta obra os entroidos máis destacados da nosa provincia, resaltando traxes e costumes, “para que os escolares coñezan máis a nosa riqueza cultural e manteñan viva esta tradición”, sinalou o presidente do goberno provincial, quen engadiu que “a pesar da pandemia, a Deputación de Ourense quere manter vivo o seu compromiso con esta senlleira celebración, tal e como o leva a facer nos últimos anos con diferentes iniciativas e actividades”.