A Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo reforzan a súa alianza estratéxica

Queren impulsar o Campus de Ourense como motor de desenvolvemento da provincia

Ourense | A Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo veñen de reforzar a súa alianza estratéxica para dar un novo impulso a súa colaboración para fortalecer o seu traballo conxunto a favor do progreso da provincia. O presidente provincial, Luís Menor, recibiu hoxe, por primeira vez no Pazo Provincial, á nova reitora da UVigo, Carmen García Mateo, -a primeira muller en acceder á Reitoría desde a creación da universidade- no que destacaron a eficacia da cooperación para impulsar o Campus de Ourense como motor de desenvolvemento da provincia.

Durante o encontro, no que tamén estivo a vicerreitora do Campus de Ourense, Montserrat Cruz, reafirmouse o compromiso de continuar desenvolvendo convenios de cooperación, a través dos cales a Deputación achega 300.000 euros, para levar a cabo actuacións en materia de fomento cultural, educativo, deportivo e de promoción turística. Luís Menor anunciou que, ademais de consolidar os convenios actuais, incrementarase esta colaboración para mellorar as instalacións deportivas do Campus, así como traballar a prol da mobilidade solicitando ao Concello a mellora da conexión da intermodal co Campus e avanzar coa Xunta na implantación do transporte metropolitano para adecúen as frecuencias ás necesidades do alumnado.

Unha alianza para reter talento e liderar a innovación
O obxectivo prioritario deste reforzo na alianza institucional é afianzar o Campus de Ourense como un eixe vertebrador clave para a provincia. O presidente provincial e a reitora subliñaron a importancia de captar e reter o talento novo, garantindo que os mozos e mozas poidan formarse con excelencia en Ourense e desenvolver posteriormente a súa carreira profesional no territorio.

Ambos recoñeceron ao Campus Auga como unha grandes fortalezas e singularidades de Ourense, coincidindo no estratéxico de aproveitar esta especialización para situar a provincia na vangarda da investigación e da innovación arredor da auga e o termalismo. Así mesmo, valoráronse moi positivamente os datos de matriculación do presente curso académico 2026/2027, no que o Campus de Ourense rexistra cifras récord de ocupación que superan nalgúns graos o 100% da súa capacidade ao contar “con titulacións exclusivas”, dixo Menor. Con estes resultados, Deputación e UVigo consolidan a súa visión compartida de converter o Campus nun dos grandes motores de futuro da provincia de Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.