A Deputación de Ourense colaborará co Concello da Teixeira na mellora de infraestruturas públicas

Arranxará un depósito municipal de auga

A Teixeira | Manuel Baltar, presidente da Deputación, mantivo no pazo provincial unha xuntanza de traballo coa alcaldesa en funcións do Concello da Teixeira, Marisol Borrajo, na que avaliaron as liñas de colaboración abertas entre ambas administracións perfiladas arredor da mellora das infraestruturas e os servizos públicos.

Nesta liña de cooperación, a Deputación asumirá o arranxo dun depósito de auga municipal, actuación xa incluída na modificación de crédito aprobada pola corporación provincial no pleno do pasado mes de febreiro.

Despois da reunión, enmarcada segundo o presidente do goberno provincial “nesta dinámica de colaboración interadministrativa tan beneficiosa para o territorio ourensán”, Manuel Baltar salientou que “a Deputación, como concello dos concellos ourensáns, sempre estará a carón de todos os municipios, con plena dispoñibilidade para colaborar naquelas iniciativas que melloren a calidade de vida dos veciños”.

Pola súa banda, Marisol Borrajo agradeceu “a receptividade e o compromiso que mantén a Deputación con concellos como o noso, permitíndonos levar a cabo diversos proxectos que resultan importantes para a veciñanza”.