A nova fábrica de Cafersa inaugurouse en Valdeorras

A Deputación de Ourense, "administración aliada" da lousa

Carballeda de Valdeorras | O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración das novas instalacións que a empresa louseira Cafersa construíu en Riodolas (Carballeda de Valdeorras), acto no que reafirmou o compromiso da institución provincial con esta industria, como “administración aliada” dun sector que definiu como ” absolutamente clave para o desenvolvemento do noso territorio”.

Na súa intervención, o presidente provincial puxo en valor o feito de que a empresa fortaleza o seu arraigamento na comarca a través deste proxecto. Neste sentido, dirixiuse aos responsables da firma para aplaudir que afronten “os grandes retos do futuro con moita valentía, pero sen perder xamais a vosa profunda vinculación co territorio”.

Unha consolidación en Valdeorras que se materializa mediante a construción dunhas novas instalacións que destacan por ser modernas e eficientes, destacando Luis Menor a optimización dos procesos, a mecanización e a incorporación de novas solucións tecnolóxicas.

Un antes e un despois no sector
Para o presidente da Deputación, a ambiciosa aposta de Cafersa marca “un antes e un despois” no sector da lousa en Valdeorras. Subliñou así que as empresas da comarca demostran unha enorme capacidade de evolución para dar resposta á “crecente demanda mundial de materiais de construción naturais e sostibles”.

Reivindicou Menor o “papel insubstituíble” que xogan as empresas louseiras como “grandes xeradoras de riqueza e de emprego na nosa provincia”, asegurando que proxectos como este envían á sociedade “unha mensaxe moi potente” sobre a necesidade de valorizar os recursos da provincia para garantir o progreso local.

O presidente, que lembrou a colaboración “continua, fluída e presencial” que a institución mantén coa Agrupación industrial da Lousa, concluíu a súa intervención garantindo o respaldo ao sector: “A Deputación de Ourense ten o deber defender e poñer en valor á industria da lousa”.
Desde 2008, Cafersa é unha empresa pertencente ao grupo alemán Rathscheck Schiefer, un dos principais produtores e comercializadores de lousa de primeirísima calidade, como parte tamén do grupo Wilh. Werhahn KG.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.