A Deputación de Lugo renova o firme dunha estrada en Sober

Investimento de 47.190€ para un treito entre Canabal e Penacabreira

Sober | A Deputación de Lugo iniciou as obras de rehabilitación do firme na estrada provincial LU-P-5905, que comunica Canabal coa Penacabreira, no Concello de Sober. A actuación desenvólvese no primeiro quilómetro da vía e conta cun investimento de 47.190 euros e lévaa a cabo a empresa Fevisa Vías y Obras SL.

As obras permitirán renovar o firme deste tramo da LU-P-5905, corrixindo o deterioro acumulado polo paso do tempo e polo uso continuado da vía. Os traballos inclúen a preparación da superficie existente, a reparación das zonas que presentan un maior desgaste e a execución dun novo pavimento, ademais da correspondente reposición da sinalización horizontal. Deste xeito, conseguirase unha superficie de rodaxe máis uniforme, resistente e segura, mellorando tanto a adherencia dos vehículos como o confort durante a circulación.

A renovación do firme contribuirá tamén a prolongar a vida útil da infraestrutura, reducindo as necesidades de mantemento nos vindeiros anos e evitando que pequenas deterioracións evolucionen cara a danos de maior entidade, o que permite optimizar os recursos públicos destinados á conservación da rede provincial.

A LU-P-5905 constitúe unha vía de comunicación de carácter local que facilita a conexión entre os núcleos de Canabal e Penacabreira, dando servizo á veciñanza da zona e favorecendo o acceso ás explotacións agrogandeiras, ás vivendas e aos distintos servizos do municipio. A mellora desta estrada permitirá incrementar a seguridade dos desprazamentos diarios e ofrecer unhas condicións de circulación máis adecuadas tanto para os residentes como para o resto de usuarios.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.