A Deputación completa o aforo para a xornada “Muller e Poder”

Concentrará este mércores en Soutomaior a grandes mulleres referentes no Estado

Pontevedra | O Castelo de Soutomaior será  hoxe o escenario da xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals que, este ano, se centrará en “Muller e Poder”. A partir das 9.30 horas de mañá e ata as 19.00 horas da tarde máis de 140 persoas se concentrarán no Castelo para escoitar a mulleres da talla de Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila, África González eCarmela Silva que amosarán, de xeito práctico, todo o que significa e implica ser muller nos seus ámbitos profesionais. Todas elas serán presentadas por xornalistas galegas que desenvolven a súa actividade en medios como o Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Atlántico Diario, Telecinco, Radio Vigo e Radio Voz.

Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila, África González e Carmela Silva falarán sobre o que implica ser muller nos seus ámbitos profesionais

“Muller e poder” arrancará ás 9:45 coa apertura oficial. De seguido, ás 10.00 horas terá lugar a primeira conferencia a cargo de Laura Freixas, columnista e escritora e presidenta de honra da asociación “Clásicas e Modernas”, co título de “Poderosas e ¿malvadas?”. Freixas será presentada pola xornalista do Diario de Pontevedra Sara Vilas.Ás 11.00 a presidenta da Deputación, que será presentada pola xornalista do Faro de Vigo Irene Bascoy, impartirá a conferencia “Mulleres, espazo público e desempeño do poder” onde afondará na posición das mulleres no ámbito público tanto a nivel local, como estatal e internacional.

Presentarán ás conferenciantes xornalistas galegas da talla de Irene Bascoy, Patricia Martínez, Ana Fuentes, Bibiana Villaverde, María Varela, Paula Montes e Sara Vila

Xa a partir das 12.30 Berta Fernández Rosón, consultora legal en materia de Asilo e Refuxio, falará en “Mulleres e guerra: redes invisibles de poder” dos roles que xogan as mulleres nos conflitos e post-conflitos. A presentación de Fernández Rosón correrá a cargo de Ana Fuentes, xornalista do Atlántico Diario.As conferencias da mañá pecharanse ás 13.30 con “A igualdade desde a perspectiva xurídica” a cargo da avogada especializada en Dereito de Familia e Comunitario Altamira Gonzalo. A avogada será presentada por Patricia Martínez, xornalista de Informativos Telecinco.

Xa pola tarde, ás 16 horas, Montserrat Boix, á que dará paso a xornalista do Diario de Pontevedra María Varela,centrarase no “Poder e comunicación. A axenda pendente”. Boix, xornalistaen TVE e creadora de “Mujeres en Red” falará sobre poder e comunicación e incidirá na pouca presenza feminina na dirección dos medios. A continuación, a partir das 17.00 horasa deportista Desirée Vila, presentada pola xornalista de Radio Vigo Paula Montes, falará da “Muller deportista, muller loitadora”, centrándose na súa experiencia persoal como muller deportista de elite e con diversidade funcional e nas desigualdades existentes.A xornada pecharase con África González, á que presentará a xornalista de Radio Voz Bibiana Villaverde,que impartirá ás 18.00 horas a conferencia “Perseguindo unha meta”. González, médica, catedrática na Universidade de Vigo, directora do Centro de Investigacións Biomédicas e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, presentará a súa propia experiencia como profesional no ámbito científico.

A través da xornada “Muller e poder” a Deputación de Pontevedra pretende construír un espazo no que compartir experiencias e coñecementos referidos ao exercicio da responsabilidade e toma de decisións, así como a facilitar a posta en común de boas prácticas e modelos na xestión de persoas e equipos, na xestión do poder e na propia autoxestión persoal dende a perspectiva de xénero. Deste xeitoesta iniciativa ten por obxectivos presentar novos estilos de liderado e as experiencias de mulleres en diferentes eidos, facendo fincapé nos obstáculos que dificultan o acceso a espazos de decisión e postos de responsabilidade.