A debate a realidade dos medios impresos en galego

O vindeiro 10 de outubro no Consello da Cultura Galega

Santiago de Compostela | O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Asociación de Medios en Galego (AMEGA), celebrará o vindeiro 10 de outubro na sede do CCG en Santiago de Compostela a xornada “Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel”.

A xornada pretende dar a coñecer e analizar a realidade actual dos medios de comunicación escritos en galego en formato papel, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica.

Participarán profesionais da talla de Xosé López García, Ana Díez, Julián Rodríguez Moscoso, Francisco Fernández Rei, Alberte Sánchez, Alejandro Nieves, Marta Cortés, Xan Carballa, María Obelleiro, Luís Álvarez Pousa, Diego Elías García Puente, Carlos G. Hervella e Guillermo Rodríguez Fernández, director do xornal Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico.

Ademais, amosaranse diversos modelos xornalísticos, dende publicacións culturais cunha longa traxectoria, ata revistas especializadas no medio natural. Tamén se achegan iniciativas promovidas polas novas xeracións en papel a través do fanzine ou de revistas realizadas por centros de ensino.