A covelense Silvina Rivera González cumpriu 101 anos

Veciña da parroquia de Godóns

O Covelo | O Concello de Covelo a través do seu alcalde, Pablo Castillo, felicitou a Silvina Rivera González polo seu 101 cumpreanos. Nada o 16 de marzo de 1923 Silvina vivíu sempre no barrio de As Covilloas lugar do Coto, na Bugariña, parroquia de Godóns ata que hai catro anos marchou vivir coa súa neta para Vigo.

Na súa parroquia natal vivíu coas súas dúas fillas Amelia e Felicita mentres seu home, José Prado Domínguez, gañaba cartos na emigración en Portugal e Madrid.

Salientan dela a súa capacidade para adaptarse á vida e superara as adversidades, “cando finou miña nai trouxémola para Vigo e adaptouse perfectamente. A perda das súas dúas fillas pésalle moito pero aínda así é alegre e unha boa compañeira da súa familia”, explica a súa neta Cristina Domínguez.

Agora ten catro netos e dous bisnetos e goza cada intre nos que os pode acompañar. Non rexeita un paseo pola cidade nin saír tomar café coa súa neta porque Silvina aos seus 101 anos está chea de vida. Traballadora incansable no campo volve á aldea sempre que a súa familia pode levala e alí recorda os tempos vividos na súa casa que, segundo indica, é anterior ao ano 1800.