A Coruña xa ten a súa primeira residencia literaria

Foi presentada pola alcaldesa Inés Rey e a poetisa Yolanda Castaño
A alcaldesa Inés Rey (esquerda) e a poetisa Yolanda Castaño na visita á residencia literaria.

A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá xunto á poetisa Yolanda Castaño a primeira Residencia Cidade da Coruña que permitirá aos escritores e escritoras de calquera xénero literario e lingua do territorio español “agás Galicia” pasar o vindeiro mes de novembro nun apartamento mariñeiro do século XIX situado na rúa Rego de Auga.

Rey lembrou que o obxectivo desta residencia “é o estímulo e promoción da creación literaria. Proporcionar aos escritores e escritoras un espazo, un tempo, un contexto e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación ao propio proxecto creativo, lonxe das distraccións e obrigacións diarias”.

Durante a presentación, Rey destacou a estreita relación da cidade cos libros e lembrou que este ano celebrouse a 50ª edición da Feira do Libro, unha das principais citas culturais da época estival, ademais de programarse a Ruta Emilia Pardo Bazán cunha aplicación móbil que achega o mundo da escritora coruñesa nunha linguaxe contemporánea.  Puxo en valor tamén unha vez máis a rede de bibliotecas pioneira que a día de hoxe é un dos servizos con maior relación e contacto coa cidadanía.

“Durante a presentación, Rey destacou a estreita relación da cidade cos libros”

Continuamos, dixo, coa nosa aposta pola cultura nun momento no que o sector foi un dos máis prexudicados pola crise derivada da COVID 19. Neste contexto tan convulso, o Goberno local destinou axudas de máis dun millón de euros ao sector cultural, na creación artística, nas salas de concertos, nos bonos cultura ou na programación de máis de 300 espectáculos culturais durante o 2020.

Ademais, lembrou que o Concello foi o primeiro en abrir teatros e recintos culturais. De feito, apuntou, mantivemos a programación en todo momento agás nos intervalos nos que estivo expresamente prohibido; “Nunca deixamos de programar, e cando non foi posible a presencialidade, deseñamos contidos en streaming. Porque A Coruña sempre estivo a carón do mundo da cultura”, sinalou.

A residencia atópase na histórica rúa Rego de Auga, onde naceron institucións como a Real Academia Galega, as Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación ou a Cova Céltica.

Rey sinalou que na rúa Rego de Auga, naceron históricas institucións como a Real Academia Galega, as Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación ou a Cova Céltica. Convertida no século XIX na máis importante rúa da cidade, vivirían arredor dela sobranceiros nomes das artes e da cultura coma os Irmáns Vilar Ponte, Emilia Pardo Bazán, Lugrís Freire, Rosalía de Castro ou o pintor Pablo Picasso.

Pola súa banda, Castaño explicou que as solicitudes para concorrer á Residencia Cidade da Coruña deberán presentarse antes do día 30 de setembro de 2021 ás 22.00 horas. Os proxectos presentados, dixo, serán sometidos a un proceso de selección por un comité de valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e o Concello da Coruña.

Tamén sinalou que o autor ou autora, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo, en Galicia, durante o tempo de residencia. Ademais, durante a súa residencia na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos “nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural”, dixo a escritora.