A Coruña será a próxima sede de Womex 2023, o mercado máis importante da world music

Así será presentado o vindeiro 23 de outubro en Lisboa

A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que A Coruña será a próxima sede de Womex, o mercado profesional internacional máis importante das músicas do mundo e da diversidade, como así o recoñece a Unesco.

Na presentación estivo acompañada por Alex Walter, director de Womex; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, e Xurxo Couto, deputado delegado de Cultura da Deputación da Coruña. En primeiro lugar, a alcaldesa agradeceu a aposta da organización deste evento pola cidade, que se converterá na capital da world music en outubro de 2023, e tamén o compromiso das administracións autonómica e provincial para apoiar esta iniciativa que lidera o Concello da Coruña.

Womex realízase cada ano nunha cidade europea con proxección como destino turístico, capacidade estrutural para acoller grandes eventos e unha visión ambiciosa na súa política cultural. Inés Rey sinalou neste sentido que A Coruña reúne todas esas condicións e Womex constitúe unha oportunidade única para demostralo e por iso foi elixida entre aspirantes moi competitivos de toda Europa, “tanto polas nosas infraestruturas e equipamentos culturais como pola nosa personalidade e dimensión cosmopolita, pero tamén cómoda e amable”.

Precisamente o director de Womex, Alex Walter, salientou na súa intervención que A Coruña ten todo o que este grande encontro precisa, desde patrimonio cultural ata modernos equipamentos e espazos no centro da cidade, así como infraestrutura hoteleira, polo que augurou que Womex terá un impacto económico moi importante na Coruña.

A presentación oficial da Coruña como sede de Womex 2023 realizarase este domingo, 23 de outubro, na clausura da presente edición, que terá lugar en Lisboa, onde a cidade estará representada para promocionar a súa oferta cultural, equipamentos e espazos, así como o seu rico patrimonio arquitectónico, histórico e, como non, unha gastronomía de alta calidade.

A alcaldesa sinalou que con iniciativas como a presentada hoxe, A Coruña está retornando ao lugar que lle corresponde como unha das cidades españolas de referencia para acoller e promover eventos de toda índole a escala internacional, como xa se demostrou recentemente no cume hispano-alemán ou coa intensa programación musical do verán, coa que a cidade se afianzou como un dos grandes polos de atracción turística do norte de España e como unha cidade capaz de albergar grandes eventos que repercutan “no noso prestixio, reputación e visibilidade, e que eses valores se traduzan en xeración de riqueza, emprego e atracción de investimento”, salientou Inés Rey. Engadiu que Womex situará A Coruña de novo como un referente internacional, neste caso no eido da música e a diversidade cultural, contribuíndo a tecer novas redes para enriquecer a gran plataforma de multiculturalidade que é Womex.

Womex 2023 congregará na Coruña durante unha semana arredor de 3.000 congresistas, que abranguen desde programadores, promotores, empresas discográficas e xornalistas nacionais e internacionais ata artistas chegados/as de todo o mundo no eido da música folk, de raíz, étnica ou tradicional. Trátase dun encontro que une economía e cultura, con intensas xornadas de networking combinadas con eventos e intercambios culturais a través de conferencias, concertos, proxeccións, show cases e encontros profesionais nun dos sectores máis influentes na cultura mundial.

O director de Agadic, Jacobo Sutil, destacou tamén a sua satisfacción por que Womex retorne a Galicia, tras case 30 anos nos que se realizou en destacadas cidades europeas. Salientou non só o que supón no ámbito da proxección da cidade no ámbito cultural e a oportunidade de internacionalización que supón para as e os artistas galegos, senón tamén o impacto económico que deixará na Coruña, estimado en torno a 2 millóns de euros, tendo en conta os resultados de edicións anteriores.

Pola súa banda, o deputado Xurxo Couto fixo fincapé na importancia de que A Coruña sexa a cidade que acolla este importante evento, para destacar que a Deputación colaborará en todo o posible para que acade o maior dos éxitos. “Este evento vai poñer a cultura galega no mapa mundial e todos miraremos á Coruña nesa semana de outubro”, salientou Couto, para avanzar que todas as administracións traballarán arreo para que acadar o máximo posicionamento e visibilidade.

Encontro coa ministra Raquel Sánchez
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita á ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Raquel Sánchez. Ambas reuníronse con representantes das asociacións empresariais de Agrela, Pocomaco e Vío e da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña co obxectivo de explicarlles de primeira man as actuacións que se están a desenvolver e os proxectos de futuro na cidade.

Tal e como anunciou Inés Rey, o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana subvencionará a maior parte do investimento municipal da futura estación intermodal da Coruña. O Goberno central achegará nove millóns de euros, o que permitirá empregar eses fondos noutras prioridades para a cidade.

“Desta maneira, o ministerio corrixe o inxusto reparto dos fondos europeos Next Generation para esta actuación levada a cabo pola Xunta, que decidiu non ceder parte desas axudas para non ter que asumir ningún custo con fondos propios, co que cargou o Concello co groso do investimento”, sinalou a alcaldesa. Durante a xuntanza tamén se repasou o estado das infraestruturas viarias da cidade.

Por unha banda, hoxe publicouse o novo plan director de Alvedro, que ten por obxectivo poder atender a máis dun millón e medio de pasaxeiros/as ao ano. O plan contempla tamén actuacións de mellora e ampliación tanto na pista como na terminal de pasaxeiros. Sánchez confirmou tamén que as obras de ampliación da avenida de Alfonso Molina licitaranse a comezos do próximo ano. Tamén o proxecto da Cuarta Rolda se porá en 1 Nota de Prensa marcha no primeiro semestre do 2023.

“Es un objetivo prioritario para la ciudad y también para este ministerio. Más pronto que tarde esta Cuarta Ronda será una realidad que ayude a descongestionar las áreas más saturadas por el tráfico”, sinalou a ministra Raquel Sánchez. Estas dúas actuacións prioritarias xa foran tratadas entre a alcaldesa e a ministra na visita da rexedora ao Mitma do mes pasado. Ademais, a ministra tamén amosou o compromiso do Goberno con outras obras relevantes, como o vial 18, que se atopa na fase de tramitación ambiental, e a ampliación da ponte da Pasaxe, que está en redacción.

“A Coruña leva moitos anos esperando por estas actuacións, algunhas delas como a ampliación de Alfonso Molina foron anunciadas por moitos gobernos, pero será este quen o leve a cabo”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa agradeceu a predisposición do Goberno e do MITMA para impulsar grandes investimentos que son fundamentais para garantir o crecemento da cidade.

“Estamos levando a cabo un grande esforzo para que A Coruña sexa unha referencia e temos enriba da mesa importantes elementos tractores do crecemento como o porto exterior, o desenvolvemento de empresas punteiras nos nosos centros empresariais ou a Cidade das TIC para os que é imprescindible que contemos cunhas infraestruturas á altura da nosa cidade”, dixo Rey. Áreas de rehabilitación e rexeneración urbana A alcaldesa e a ministra visitaron esta mañá o Barrio das Flores.

Este luns o Goberno municipal aprobou, en Xunta de Goberno Local, a solicitude de participación do Concello da Coruña no ‘Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio’, unha iniciativa estatal financiada con fondos europeos Next Generation e á que o Concello presenta un total de 747 intervencións, urbanísticas e de rehabilitación, valoradas en 16 millóns de euros.

Neste sentido, e como paso previo a esta solicitude de axudas, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde á declaración como Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) de tres dos catro ámbitos de actuación propostos polo Concello de cara ás actuacións de rehabilitación que se prevén executar coa obtención dos fondos Next 2 Nota de Prensa Generation: son as Áreas de Rehabilitación Integrada (ARI) da Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas María Pita-Labañou e as denominadas Casas de Franco (Ventorrillo).

A todas elas súmase, ademais, o Barrio das Flores, xa declarado como Contorno Residencial de Rehabilitación Programada a comezos do mes de outubro, en Xunta de Goberno Local, co obxectivo de obter financiamento público para as actuacións definidas polo Plan Director de Rehabilitación Integrada no distrito. “Este plan abrangue unha ambiciosa mellora do parque de vivendas no Barrio das Flores, así como da súa eficiencia enerxética”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

O Concello cifra en 378 as actuacións susceptibles de financiarse con fondos Next Generation no ERRP do Barrio das Flores, cun investimento solicitado de 8.194.188,53 euros por parte do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana. Nesta fase, o principal obxectivo é a execución do plan de mellora da accesibilidade no itinerario peonil entre a praza dos Freixos e a rúa dos Castiñeiros, no sector norte do barrio. Ademais, o Concello prevé tamén unha ampliación das instalacións da Oficina Municipal de Rehabilitación para facilitar os trámites aos cidadáns que alí soliciten as axudas.

Nos casos particulares da Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas María Pita-Labañou e as Casas de Franco, o Goberno municipal busca darlle continuidade ao plan de intervencións xa executadas, ou previstas, nestes tres ámbitos. No ámbito da Cidade Vella-Pescaría, o Concello estima a realización de 118 actuacións de rehabilitación, correspondentes á novena fase de actuación nesta Área de Rehabilitación Integrada (ARI), nas que se prevé un investimento de 2.730.048 euros.

Entre elas inclúese o plan de remodelación da rúa Panadeiras, un proxecto valorado en case un millón e medio de euros que propón a mellora das condicións de circulación peonil e a adecuación das condicións alusivas ao tráfico rodado na contorna. No caso do grupo de vivendas María Pita-Labañou, o Concello aprobou o pasado mes de xuño, en Xunta de Goberno Local, a tramitación anticipada para contratar as obras incluídas na Fase 1 do plan de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita-Labañou, un proxecto xa aprobado a finais de marzo.

Neste distrito, o Goberno de Inés Rey acometerá un amplo plan de melloras na zona máis transitada dentro da urbanización, unha área 3 Nota de Prensa delimitada pola avenida de Labañou, a rolda de Outeiro e a rúa Tomás Fábregas, na que se levará a cabo un investimento de 742.042,19 euros. O prazo de execución dos traballos, desde a súa adxudicación, será de oito meses.

Agora, e coa presentación da solicitude de participación do Concello no ‘Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio’, que daría pé á segunda fase de actuación neste ARI, o Goberno municipal prevé un investimento de 2.408.557 euros para un total de 107 actuacións. Entre elas, múltiples melloras en accesibilidade e a renovación integral do pavimento.  Por outra banda, nas Casas de Franco-Ventorrillo contémplanse ata 144 actuacións centradas, a grandes rasgos, na remodelación das rúas interiores do ámbito para acometer melloras de accesibilidade aos portais dos edificios residenciais e a reurbanización da contorna para a disposición de espazos máis humanizados, para ou o da cidadanía. En total, o investimento previsto é de 2.574.215 euros.