A Coruña reforza o convenio PRESCO coa Deputación, Santiago e Ferrol

Con máis de 1,2 millóns de euros

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, afirmou esta mañá que “oxalá a Xunta de Galicia fixera o esforzo orzamentario que estamos facendo as entidades locais e a Deputación” durante a sinatura do convenio polo que a Deputación reforzará o PRESCO con 1,2 millónes de euros.

No acto, en que tamén interviñeron os alcaldes de Santiago e Ferrol, Xosé Bugallo e Ángel Mato, e mais o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a rexedora sinalou que as entidades locais foron as primeiras administracións en responderen á crise económica derivada da crise sanitaria e que asumiron “competencias impropias ás que lle fixemos fronte debido á tremenda crise que estaba afectando a sectores estratéxicos da nosa economía como a hostalaría e o comercio e mais ao coxunto de persoas autónomas e micropemes”.

Rey recordou que o seu goberno aprobou o PRESCO con máis de 13 millóns de euros que se completarán agora coa aportación da Deputación, “que é consciente das necesidades dos sectores e dos esforzos orzamentarios que están a facer os distintos concellos para saírmos adiante”, unha implicación que esixe a poboación e que así o entendeu este Concello “así o fixemos e o facemos hoxe da man da Deputación”. Para Rey, o acordo é unha boa nova, pero “temos que seguir traballando porque esta crise ainda non rematou”.

O Concello da Coruña concedeu até o momento axudas a 4.351 persoas autónomas e a pequenas empresas e co reforzo dos 1,2 millóns de euros asinados hoxe coa Deputación, poderán ser atendidas 600 solicitudes máis.

“O convenio supón un investimento total de tres millóns para os concellos coruñeses, que se sumarán aos 12,5 millóns do plan provincial PEL-Reactiva”

O convenio supón un investimento total de tres millóns para os concellos coruñeses, que se sumarán aos 12,5 millóns do plan provincial PEL-Reactiva, que destina axudas de entre 1.500 e 3.000 euros a miles de persoas autónomas e microempresas dos concellos de menos de 50.000 habitantes.

Un total de 80 concellos, o 91% do total, xa resolveron a concesión provisional ou definitiva das axudas do PEL-Reativa, mentres que 8 municipios (un 9%) están aínda en proceso de resolución. O responsable da institución provincial recordou que esta iniciativa sae da proposta dos alcaldes como resposta inmediata e “moi áxil” a un sector que probablemente leva o maior peso do impacto económico desta crise: “Deputación e concellos estamos a centrar todos os recursos no ámbito social e do emprego para apoiar as persoas que máis nos necesitan”, afirmou González Formoso.