A Coruña presentou a exposición “Transición a pé de rúa”

Lembra a valentía dunha sociedade que arriscou en prol da democracia
O concelleiro Jesús Celemín durante a presentación da mostra “Transición a pé de rúa”, na casa museo Casares Quiroga.

A Coruña | O concelleiro Jesús Celemín destacou na presentación da mostra “Transición a pé de rúa”, na casa museo Casares Quiroga, o compromiso do Goberno de Inés Rey por recuperar a memoria histórica e por dar a coñecer ás novas xeracións o esforzo e o risco que asumiu a sociedade en prol da democracia.

O edil sinalou que reflicte os primeiros anos dun sistema democrático que se consolidou porque “os homes e as mulleres daquel momento querían mirar ao futuro”.

Organizada polo Concello e o Grupo de Investigación Hispona da USC, a exposición revisa o arquivo privado do coleccionista Miguel Gutiérrez entre 1975 e 1979.

Componse de carteis, publicacións, pasquíns, panfletos, fanzines, panos, vinilos, caixas de mistos… achegas de mercadotecnica dunha vintena de partidos e organizacións que dan conta da publicidade e a propaganda da época.

Todo este material aborda dúas cuestións principais como son a mobilización popular e os restos do ‘franquismo’ agrupados en sete apartados ordenados cronoloxicamente.

A mostra, que poderá visitarse ata o 28 de novembro, incluirá, esta mesma tarde, ás 19.30 horas, unha mesa redonda sobre o proceso de transición democrática na que participarán Hortensia (Tensi) Álvarez Folgar, Carlos Etcheverría e Demetrio Vázquez Martínez, así como os comisarios da exposición, Emilio Grandío e Miguel Gutiérrez.